Cookies

Noticias 

© XSolidaria.org+FEI | 03/04/2024 | Banner Campaña X Solidaria 2024

Arrinca a campaña da X Solidaria 2024 baixo o lema #EquipoXSolidaria

Fundación Érguete-Integración únese á campaña para solicitar á poboación que marque a X Solidaria na súa declaración da renda

03/04/2024

O 3 de abril arrinca a campaña da X Solidaria 2023, este ano baixo o lema #EquipoXSolidaria. Unha iniciativa pola que se pretende chegar a toda a poboación e animala a marcar a X Solidaria na declaración da renda, para así axudar ás entidades sociais nos seus programas e proxectos.


A intención da campaña é transmitir a importancia de marcar a casa 106 de Actividades de Interese Social na declaración da renda. Con este xesto, que non presenta ningún custo adicional para a persoa contribuínte, esta pode decidir que o 0,7% dos seus impostos vaia destinado a programas desenvolvidos polas ONG para axudar a persoas en situación de vulnerabilidade. A xestión deste diñeiro realízase entre a Administración Xeral do Estado e as CC. AA. e repártese nos diversos proxectos concedidos a entidades do Terceiro Sector que traballan diariamente para facer que o recadado chegue a millóns de persoas que o necesitan.

Cifras de 2023

Marcando o cadro de fins sociais loitamos para cambiar a situación de miles de persoas: máis de 12 millóns e medio de persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social a nivel estatal, das que 688.900 son galegas.

No 2023, un 54,49% dos e das contribuíntes de Galicia, marcaran o recadro do X Solidario; 24.528 mais que no ano anterior, o que supuxo unha recadación de 2.638.195 euros a maiores. Porén, 647.628 contribuíntes aínda non marcan este recadro; se o fixeran, poderían terse recadado 15.431.904 máis.

E é que, grazas a este sinxelo xesto, que non ten ningún custo adicional para a cidadanía, o pasado ano 153 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo e indirecto a un mínimo de 146.500 persoas.

No caso da Fundación Érguete-Integración, son 4 os programas que no 2023 se financiaron a través do 0,7% do IRPF: Achégate á rede, Apoio á Inclusión sociolaboral en Medio Penal, Atención ás necesidades básicas de persoas en situación de emerxencia social e o Proxecto Virada. En total, 1.339 persoas foron beneficiarias destes programas de intervención social.
 

 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias