Cookies

Noticias 

© FEI | 21/07/2023 | Mulleres con Historia: Sofía Kovalevskaya

Sofía Kovalevskaya, a muller da mente matemática

Kovalevskaya foi unha matemática e escritora rusa que polo seu gran talento e loita en favor da igualdade de oportunidades rematou realizando importantes achegas aos campos do análise, ecuacións diferenciais parciais e a mecánica

21/07/2023

Sofía Kovalevskayaunha científica rusa do século XIX que superou todas as barreiras do momento para ser unha das primeiras mulleres en obter un doutorado e ser catedrática na Universidade.

Foi nada en Moscova no seo dunha familia nobre e rica, cunha grande tradición de formación académica. É por iso que a súa paixón pola ciencia espertou cedo, sendo ela nena cando lía ás agachadas unha copia de Eléments d’Algègre de Bourdon. Comezou a súa formación en matemáticas sendo moi nova e recibindo clases do seu veciño, un profesor de física que quedou impresionado coas súas deducións.

Tras os seus inicios no estudo da xeometría analítica, cálculo infinitesimal en San Petersburgo e a súa rapidez á hora de comprender os conceptos matemáticos, descubriu que o papel pintado do seu cuarto da infancia estaba composto por un libro sobre cálculo diferencial e integral. Así, decatouse de que levaba toda a vida familiarizándose coas matemáticas e as súas fórmulas.

A matemática casouse aos 18 anos para poder seguir estudando, xa que por aquel entón en Rusia non estaba permitido o acceso das mulleres á Universidade nin a realizar saídas fóra do país sen un permiso do cónxuxe ou pai.

A partir de 1870, trasládase a Berlín para traballar con Karl Weierstrass, un dos científicos máis importantes do ámbito da análise matemática. Este era remiso a dar clases a mulleres, por iso optou por poñela a proba. Ao observar as solucións de Sofía aos problemas plantexados quedou tan abraiado que comezou a darlle clases e incluso rematou sendo a persoa que dirixiu a súa tese doutoral; a que puido obter tras enfrontarse valente e incansablemente a numerosos obstáculos no ano 1874. Foi así como se converteu nunha das primeiras mulleres en conseguilo. 

Sofía tivo que trasladarse a Estocolmo, para acadar un posto permanente na Universidade como docente e investigadora. En Suecia, Sofía desenvolveu un intenso traballo, chegando a ser editora da prestixiosa revista Acta Mathematica. Un dos seus descubrimentos máis recoñecidos foi o da buxaina de Kovalevskaya, un exemplo novidoso sobre o movemento dun corpo ríxido rotando en presenza da gravidade. O seu traballo supuxo melloras nos modelos anteriormente empregados dos científicos Euler e Lagrange.

Amais do seu traballo científico, Sofía estivo moi activa dentro das correntes políticas e feministas progresistas do nihilismo ruso de finais do século XIX. Con esta perspectiva, escribiu varias obras de teatro, unhas memorias e unha novela autobiográfica: Unha nihilista (1890).

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia