Cookies

Noticias 

© webb.nasa.gov | 24/02/2023 | Mulleres con Historia: Begoña Vila

Begoña Vila, a viguesa que chegou á NASA

A astrofísica foi a primeira española en recibir da NASA unha medalla polos seus logros excepcionais.

24/02/2023

O 11 deste mes de febreiro celebrouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e por iso este Mulleres con Historia vai ser protagonizado por Begoña Vila, un gran exemplo que contribúe a situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica.

Begoña Vila Costas (Vigo, 1963) estudou astrofísica na Universidade de Santiago de Compostela e o Instituto de Astrofísica de Canarias e doutorouse tamén en astrofísica no Centro Jodrell Bank para Astrofísicos da Universidade de Manchester. Ademais, tamén posúe un diploma en tradución español-inglés do Instituto Chartered de Lingüística en Londres.

Dende pequena foi unha grande apaixoada da natureza, as espirais e o ceo –particularmente dende que coñeceu a existencia da Vía Láctea-. É por iso que cos anos converteuno no seu campo de estudo e finalmente na súa profesión.

A viguesa especializouse no estudo de galaxias espirais. Actualmente traballa coma enxeñeira de sistemas da NASA no Centro Goddard de Washington DC. Unha das súas responsabilidades é encargarse de controlar o relacionado co telescopio espacial James Webb da NASA –o que será o substituto do celebérrimo Hubble-. Encárgase do deseño e a posta a punto de sensores de imaxes e probas de resistencia ao frío.

Begoña está liderando alí un equipo composto por máis de mil persoas. Ademais do seu relevante traballo, Begoña é membro da ECUSA-DC, unha asociación que engloba á comunidade científica española das áreas de Washington DC, Maryland e Virxinia.

En 2016 foi premiada pola NASA coa medalla Exceptional Public Achievement Medal polos "seus anos de liderado e logros excepcionais". En 2017 gañou o premio María Josefa Wonenburger Planells y en 2021 recibiu o premio otorgador a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) na categoría de Premio Internacional. En 2022 foi galardonada co título honorífico de Viguesa distinguida. Tamén foi incluida na Lista Forbes das 100 mulleres máis influíntes en España no ano 2022.

Aparte do seu traballo, desfruta moito participando en eventos de comunicación e divulgación ao público acerca de JWST, de distintos programas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Matemáticas) ao redor do mundo –tanto en Español como en Inglés-. Tamén ten inquedanzas noutros campos coma a Bioloxía e o Xornalismo.

Dende a NASA contan que no seu tempo libre, Vila é unha gran aficionada á lectura de novelas de misterio, do cine e de facer exercicio, particularmente ioga, baile e pilates. A música tamén é unha das súas pasións: desde tocar o piano a acudir a múltiples eventos musicais. Ademais, Begoña tamén desfruta de pasar tempo coa súa familia e amizades, tanto en Canadá como en España.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia