Cookies

Noticias 

© FEI | 27/01/2023 | mary_shelley_mulleresconhistoria

Mary Shelley, a moza das tebras

Escribiu con 18 anos a obra que deu comezo á ciencia ficción, a famosa Frankenstein ou o moderno Prometeo.

27/01/2023

Mary Shelley, Mary Wollstonecraft Godwin naquel momento, naceu en Inglaterra en 1797 no seo dunha familia de intelectuais. A súa vida dende os seus inicios foi moi tráxica: nunca coñeceu a súa nai, Mary Wollstonecraft, unha pioneira na defensa dos dereitos das mulleres, ao falecer poucas semanas despois do seu parto.

Criouse dentro dun ambiente totalmente bohemio, literario e filosófico. Por iso, foi unha gran lida en filosofía radical, concretamente nos escritos da súa nai –xa que coñecía de memoria a maior parte dos pasaxes da súa obra-. Sempre se sentiu ligada a súa figura e reivindicacións, de feito, o recordo da súa nai foi un dos seus grandes orgullos. En definitiva, Mary pasou toda a súa vida tratando de honrar o seu legado materno.

Co seu pai, William Godwin, a relación era moi distante. Cando Mary tiña 16 anos coñeceu a Percy Shelley, o que foi o seu primeiro e grande amor. A relación era escandalosa a ollos da sociedade do momento: el estaba casado e a súa muller estaba embarazada. Mary tamén embarazou, e fuxiron de Inglaterra, mais por problemas económicos tiveron que regresar tan só 3 meses despois.

En definitiva, Mary Shelley tivo que enfrontarse a ser primeiramente a sombra da súa familia e mais tarde a do seu amante. Ao escándalo e ao dó. Ao abandono. Foi xulgada socialmente por ser muller, por ser filla de..., amante de... Unha mente brillante totalmente incomprendida que desenvolveu unha cruda visión da realidade.

Nese tempo, Mary sufriu un duro golpe: a morte da súa filla, nada prematuramente. Isto somerxeuna nunha profunda depresión. A morte nunca deixou de acompañar a Mary, incluso durante a súa fuxida foi testemuña dunha Europa devastada pola guerra.

En 1816, un ano coñecido por non ter verán, un grupo de escritores, entre os que se atopaba Mary Shelley acabou compartindo unha vila en Suiza, a vila de Lord Byron. A consecuencia das chuvias torrenciais que duraban días e días, xurdían veladas preto do lume nas que contaban historias de medo e pantasmas. Un día, Byron propuxo un concurso para escribir o relato máis aterrador. Mary, baseándose nos seus espantosos pesadelos tras as conversas que tiveron sobre a natureza da vida e sobre a vida artificial, comezou o relato que se convertería no inicio da súa obra Frankenstein ou o moderno Prometeo.

Comezou a traballar na súa obra por pasatempo, mais a historia medraba cada vez máis, alimentada polos seus traumas vitais. Finalmente, era a historia dun home atormentado que desafiou á natureza, creou un ser destinado a non ter lugar no mundo, rexeitouno xunto a súa responsabilidade por telo creado, e finalmente, causou a morte dos seus seres estimados, condenándoo á soidade.

No libro, orixinalmente, a criatura non ten nome propio precisamente como símbolo da súa orfandade, alienación e carencia de sentido e identidade humana. Uns sentimentos que Mary escribía de xeito case autobiográfico.

Publicouse por primeira vez en 1818 de maneira anónima polo desasoségante da obra. Aínda con ese sentir de terror, a segunda edición xa levou o seu nome e a partir das edicións publicadas en 1831, moitos dos pasaxes máis perturbadores foron cambiados ou eliminados por ela.

Tras regresar de Suiza, Percy e Mary casaron e ela tomaría o nome polo que hoxe é recordada: Mary Shelley. Nos seguintes anos de vida, Mary sufriu unha serie de desgracias que a sumiron nunha depresión profunda da que nunca se recuperou: o suicidio da súa irmá, as mortes de dous dos seus fillos mentres viaxaban por Italia, sufriu un aborto e finalmente tamén perdeu ao seu marido na Toscana. Regresou a Inglaterra co seu cuarto fillo, co que viviu ata que faleceu en 1851.

Mary Shelley escribiu todo tipo de obras: novela histórica, diarios de viaxe, bibliografías, historias curtas de xéneros variados e ensaios. Tamén traduciu e editou obras doutros autores –como Lord Byron- e promocionou as que escribira o seu marido, con maior éxito do que el tivera. Algunhas das súas obras máis coñecidas son Mathilda (1819), Valperga ou vida e aventuras de Castruccio, príncipe de Lucca (1823), O último home (1826) ou Faulkner (1837).

A pesar diso, só unha obra quedou no imaxinario colectivo: Frankenstein, esa historia escandalosa na que se refuxiou polas súas propias sombras.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia