Cookies

Noticias 

© FEI | 29/06/2023 | Marjane Satrapi: Mujeres con Historia

A emblemática procura da liberdade de Marjane Satrapi

Descobre á autora do primeiro cómic iraní da Historia neste Mulleres con Historia

29/06/2023

Marjane Satrapi, autora e debuxante de cómics, naceu en Irán dentro dunha familia de clase media e de ideoloxía progresista. Ela en múltiples ocasións expresou que sente que leva a militancia no sangue: o seu avó foi preso político no réxime do Sha, o seu tío marxista foi executado polos ayatolás e a súa nai tivo que vivir ás agachadas polas súas protestas contra a imposición ás mulleres do uso do hiyab.

Ela cursou os seus estudos secundarios en Viena fuxindo da revolución e a difícil situación política do seu país. De volta en Irán, matriculouse en Belas Artes na Universidade de Teherán, obtendo un máster en Comunicación Visual. En 1994 trasladouse a Francia, país no que aínda reside na actualidade, onde estudou Artes Decorativas. A súa vocación inicial era ser grafista pero en 1997 abriuse paso no mundo da ilustración con contos infantís Os monstros teñen medo da lúa ou Ajdar.

Satrapi conta que unha das persoas das que recibiu a inspiración para crear a súa obra máis coñecida foi a súa avoa: na que vía unha muller independente, moderna, íntegra, unha muller que conseguiu divorciarse en Irán cando ningunha muller o facía.

En Persépolis (2000), unha obra autobiográfica que supuxo o primeiro cómic iraní da Historia, Marjane conta a súa infancia en Teherán, a súa adolescencia en Viena e a súa entrada na idade adulta de novo en Irán. Con esta obra pretendía eliminar os estereotipos e prexuízos que se tiñan ao redor do seu país e das súas xentes. Quixo rachar coa idea do fanatismo relixioso e da submisión e terror na que vivían as mulleres en Irán.

Foi nominada a máis de vinte e cinco importantes premios e recoñecementos internacionais, recibindo un total de quince. Tras o éxito, iniciouse a adaptación á pantalla grande, da man da propia Marjane e Vincent Paronnaud. Un novo éxito para público e crítica que a levou a gañar o Premio da Crítica en Cannes 2007 e o Premio César 2008 a mellor guión adaptado, ademais de estar nominada a Mellor Película de Animación nos Oscar 2008.

Satrapi publicou outras obras somerxidas en múltiples temáticas como Bordados (2003) na que presenta unha serie de reflexións sobre a condición feminina ou Polo con ameixas (2004) unha historia ambientada nos seu Irán natal e protagonizada por un home que perdeu a ilusión de vivir.

A súa figura é tan importante porque dentro dun sector con tan poucas mulleres debuxantes como é o mundo do cómic e dentro dun país dominado polo machismo como Irán, as súas historias e a súa rebeldía son dignas de todas as portadas e galardóns que conseguiu. Marjane Satrapi rompeu con estigmas e prexuízos e se converteu en todo un símbolo de rebeldía, loita, liberdade e tolerancia.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia