Cookies

Noticias 

© FEI | 29/12/2023 | As 27 mulleres que participaron na elaboración da Constitución de 1978

As Nais da Constitución

27 mulleres que fixeron historia coa súa participación na elaboración e aprobación da Constitución Española de 1978

29/12/2023

O 29 de decembro de 1978, tras a súa aprobación en referendo, entraba en vigor a actual Constitución Española. Un ano antes, en xuño de 1977, celebrábanse as primeiras eleccións democráticas do Estado español dende a Segunda República, comicios nos que serían elixidas as persoas encargadas de confeccionar e aprobar o proxecto do texto constituínte.

En total, 611 senadores/as e deputados/as formaron parte da denominada como Lexislatura Constituínte. Entre eles, apenas un 4 % eran mulleres. 21 deputadas e 6 senadoras que, pese a estar en abafadora minoría, fixeron historia coa súa incorporación a espazos de participación dos que estiveran totalmente excluídas. 27 mulleres de diversas correntes ideolóxicas que non só foron fundamentais para a creación da norma suprema do actual ordenamento xurídico español, senón que loitaron sen descanso para impulsar medidas encamiñadas a conseguir a igualdade efectiva entre mulleres e homes.

Pilar Brabo Castells (1943-1993). Deputada Comunista por Alacant do Grupo Parlamentario Comunista. Estudou Físicas e Ciencias da Educación e exerceu unha destacada labor contra o réxime franquista, o que a levou a entrar en prisión en numerosas ocasións. A mediados de 1987, foi nomeada gobernadora civil en Castelló e ocupou o seu último cargo político como directora xeral de Protección Civil.

Soledad Becerril Bustamante (1944). Deputada por Sevilla do Grupo Parlamentario de Unión de Centro Democrático. Licenciada en Filosofía e Letras e especializada en filoloxía inglesa. Ostentou numerosos cargos políticos, entre eles o de ministra de Cultura, sendo a primeira muller en ocupar unha carteira ministerial dende a Segunda República. Foi tamén a primeira muller en exercer como Defensora do Pobo.

Carlota Bustelo García del Real (1939). Deputada por Madrid do Grupo Parlamentario Socialista. Licenciada en Ciencias Políticas, foi unha activa militante polos dereitos das mulleres. En 1983, converteuse na primeira directora do Instituto da Muller e, en 1985, pasou a formar parte da Convención sobre a Eliminación de tódalas Formas de Discriminación contra a Muller de Nacións Unidas.

Maria Dolors Calvet Puig (1950). Deputada por Barcelona do Grupo Parlamentario Comunista. Licenciada en Ciencias da Información, foi profesora de Urbanismo e Ordenación do Territorio na Universidade Politécnica de Cataluña. Forma parte do grupo de investigación GIOPACT, que loita pola igualdade de oportunidades na arquitectura, a ciencia e a tecnoloxía.

Virtudes Castro García (1938-2022). Deputada por Almería do Grupo Parlamentario Socialista. Obtivo o título de Mestra de Ensinanza Primaria en 1972. En 1976, afiliouse á UGT de Adra (Almería) e, catro anos máis tarde, foi elixida vogal do Comité Executivo provincial. Tamén ocupou o cargo de secretaria de Relacións Internacionais da Federación de Traballadores da Terra a nivel nacional.

Asunción Cruañes Molina (1925 -2012). Deputada por Alacant do Grupo Parlamentario Socialista. Filla dunha mestra e un agricultor perseguidos pola ditadura a causa da súa militancia republicana, converteuse nunha das pioneiras do movemento feminista en España.

María Victoria Fernández-España y Fernández-Latorre, coñecida como Victoria Armesto (1925-1999) Deputada pola Coruña do Grupo Parlamentario de Alianza Popular. Licenciada en Xornalismo. Foi vicepresidenta da Cámara Baixa nas dúas primeiras lexislaturas e presidenta provincial de AP na Coruña. En 1988 foi designada vicepresidenta do Consello de Administración de La Voz de Galicia.

Carmen García Bloise (1937-1994). Deputada por Madrid do Grupo Parlamentario Socialista. Perito mercantil e diplomada en Organización de Empresas, viviu exiliada en Francia dende 1948 e ata 1975. Alí traballou como xefa de contabilidade de Renault, ademais de ser delegada de persoal e secretaria sindical. Foi unha das impulsoras na creación da Fundación Españoles en el Mundo.

Dolores Ibárruri Gómez, coñecida como La Pasionaria (1895-1989). Deputada por Oviedo do Grupo Parlamentario Comunista. Estudou corte e confección e traballou como serventa nunha familia acomodada. Militou activamente en defensa do réxime republicano durante a guerra civil española e, en 1939, tivo que marchar á URSS, onde pasaría 38 anos de exilio. Alí foi nomeada secretaria xeral do PCE, organización que presidiría a partir de 1960.

María Izquierdo Rojo (1946). Deputada por Granada do Grupo Parlamentario Socialista. Doutorada en Filosofía e Letras, formou parte do Congreso durante as tres primeiras lexislaturas (ademais da Constituínte). En 1982, foi nomeada Secretaria de Estado para as comunidades autónomas e, en 1989, resultou elixida como membro do Parlamento Europeo. É unha das grandes referencias do movemento feminista en España.

Rosina Lajo Pérez (1931-2022). Deputada por Xirona do Grupo Parlamentario Socialistes de Catalunya. Licenciada en Filosofía e Letras, traballou como profesora de Historia do Arte e Xeografía e Historia, escritora e tradutora. Foi tamén vogal e delegada en Xirona da Xunta de Goberno do Colexio de Doutores e Licenciados de Cataluña.

Marta Mata i Garriga (1926-2006). Deputada por Barcelona do Grupo Parlamentario Socialistes de Catalunya. Licenciada en Filosofía e Letras e Pedagoxía, fomentou, durante o franquismo, un movemento de renovación pedagóxica. En 1999 foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade de Barcelona.

Mercedes Moll de Miguel (1940). Deputada por Granada do Grupo Parlamentario de Unión de Centro Democrático. Diplomada en Pedagoxía Terapéutica e Enfermaría. Rexentou un estanco e unha administración de lotarías e fundou a Asociación de Mulleres Empresarias de Granada. En 1986, converteuse na primeira muller en Andalucía en exercer como membro de pleno dereito na Cámara de Comercio.

Dolores Blanca Morenas Aydillo (1937-1998). Deputada por Badaxoz do Grupo Parlamentario de Unión de Centro Democrático. Licenciada en Bioloxía, exerceu como mestra e catedrática de Ciencias Naturais e Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid.

Elena María Moreno González (1941). Deputada por Pontevedra do Grupo Parlamentario de Unión de Centro Democrático. Cursou estudos de Bacharelato superior e Secretariado e traballou como empregada de banca. Foi directiva do Banco de Bilbao, onde chegou a ostentar o cargo de xefa do Banco da Muller en Vigo.

Palmira Pla Pechovierto (1914-2007). Deputada por Castelló do Grupo Parlamentario Socialista. Estudou Maxisterio e exerceu como pedagoga e mestra. A fins da guerra civil, viuse obrigada a exiliarse en Francia e, en 1947, marchou a Venezuela, onde fundaría o Instituto Calicanto, que seguía a pedagoxía da Institución Libre de Ensinanza. Xa de volta en España, dedicou os ingresos da venta do instituto a crear un fondo económico de axuda para que estudantes venezolanos puideran formarse en España.

María Teresa Revilla López (1936). Deputada por Valladolid do Grupo Parlamentario de Unión de Centro Democrático. Licenciada en Dereito, foi a única muller en formar parte da Comisión Constitucional, composta por 39 membros e encargada da redacción da Constitución. Defendeu activamente a equiparación de dereitos entre mulleres e homes.

Ana María Ruiz-Tagle Morales (1944). Deputada por Sevilla do Grupo Parlamentario Socialista. Licenciada en Dereito, foi unha das fundadoras do primeiro despacho de asesoría xurídica e laboral de Andalucía. Participou no impulso da Lei de Violencia de Xénero dende o seu cargo en Amnistía Internacional. En 1993, foi designada Presidenta da Axencia Española de Cooperación Internacional.

Inmaculada Sabater Llorens (1952). Deputada por Alacant do Grupo Parlamentario Socialista. Dende unha idade moi temperá traballou no sector do calzado, onde tomou parte activa do movemento obreiro. Fundou a primeira asociación de veciños e veciñas de Elche, da que foi nomeada presidenta. En 1977, converteuse na deputada constituínte máis nova.

Esther Beatriz Tellado Alfonso (1929). Deputada por Santa Cruz de Tenerife do Grupo Parlamentario Unión de Centro Democrático. Titulada en idiomas pola Universidade da Laguna. En 1978, converteuse na primeira muller en ostentar o cargo de Conselleira do Cabido de Tenerife. Abriu o primeiro centro de axuda a persoas con drogadicción e o primeiro piso de acollida para maiores de 18 anos en Santa Cruz.

Nona Inés Vilariño Salgado (1944). Deputada pola Coruña do Grupo Parlamentario Unión de Centro Democrático. Licenciada en Filosofía e Letras, é profesora de Historia. Exerceu como secretaria do Partido Galego Independente, do que tamén foi elixida vicepresidenta de Relacións Parlamentarias durante o seu Primeiro Congreso. Foi a encargada de crear a Comisión de temas da muller, precursora do actual Instituto das Mulleres.

Juana Arce Molina (1935). Senadora por Albacete do Grupo Parlamentario Unión de Centro Democrático. Licenciada en Filosofía e Letras, dedicou gran parte da súa vida á ensinanza de idiomas. Formou parte da Deputación Permanente do Senado e das Comisións de Investigación sobre a Situación do Neno e sobre a Situación de Establecementos Penais, entre outras. 

Gloria Begué Cantón (1931). Senadora por designación Real, non militaba en ningún partido político. Licenciada en Dereito e Economía, converteuse na primeira muller catedrática de todas as Facultades de Dereito do país e a cuarta en acadar unha Cátedra na historia de España. En 1969, foi a primeira muller elixida como Decana dunha Universidade. En 1980 resultou escollida maxistrada do Tribunal Constitucional, do que posteriormente foi nomeada vicepresidenta.

María Belén Landáburu González (1934). Senadora por designación Real do Grupo Mixto. Licenciada en Dereito, tivo unha importante participación na modificación do Código Civil que rebaixaba a maioría de idade legal das mulleres aos 21 anos, equiparándoa á dos homes. Foi presidenta da Cruz Vermella en España e, en 1977, converteuse na única muller que formou parte da relatorio da Lei para a Reforma Política, instrumento xurídico que permitiu articular a Transición española.

Amalia Miranzo Martínez (1939-2014). Senadora por Cuenca do Grupo Parlamentario Socialista. Licenciada en Físicas. Foi a única muller do Grupo Socialista no Senado durante a Lexislatura Constituínte. Ao longo da súa vida compaxinou a docencia coa política e o sindicalismo, chegando a ser secretaria provincial de UGT por Cuenca entre 1980 e 1983.

María Dolores Pelayo Duque (1943). Senadora por Santa Cruz de Tenerife do Grupo Parlamentario Unión de Centro Democrático. Licenciada en Dereito, destacou especialmente pola súa labor na consecución de diversas normas tremendamente importantes para as mulleres: o dereito ao divorcio, o recoñecemento dos dereitos de fillos e fillas con independencia de que se tiveran fóra ou dentro do matrimonio, a derrogación do delito de adulterio, a despenalización do aborto, etc.

María Rubiés i Garrofé (1932-1993). Senadora por Lleida do Grupo Parlamentario Entesa dels Catalans. Licenciada en Ciencias Exactas, exerceu como mestra en diversas institucións educativas, sendo considerada unha pioneira na ensinanza da matemática moderna.

Arquivada en:
Transparencia > Responsabilidade social corporativa > Área de Igualdade
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia