Cookies

Noticias 

© FEI | 11/02/2024 | Hildegarda de Bingen

Hildegarda de Bingen, a precursora das ciencias naturais

Ciencia, medicina, música, filosofía, teoloxía, pintura… practicamente ningún campo do saber estivo vedado á que, sen dúbida, é unha das figuras máis importantes da Idade Media

11/02/2024

Hildegarda de Bingen naceu en 1098 no val do río Rin (Alemaña), no seo dunha familia de clase nobre e acomodada. Dado que era a décima filla do matrimonio e debido á mentalidade da súa época, foi entregada como “diezmo” á Igrexa e consagrada dende o seu nacemento á actividade relixiosa, chegando a enclaustrarse nun mosteiro aos catorce anos de idade xunto á súa titora, a condesa Judith de Spanheim.

Coñecida como a sibila (muller sabia a quen os antigos atribuían capacidades proféticas) do Rin, dende pequena padeceu numerosos problemas de saúde, sufrindo enfermidades de xeito constante e chegando a manifestar que experimentaba visións, síntomas que serían atribuídos por especialistas da época contemporánea a un posible cadro de hemicrania crónica e epilepsia.

En 1136 e con tan só trinta e oito anos, foi nomeada abadesa do convento no que vivía, en realidade un espazo habilitado para mulleres nun mosteiro masculino. Posteriormente fundaría o seu propio cenobio, o mosteiro de Rupertsberg, onde, dada a influencia que alcanzara, puido implantar as súas regras. Deste prestixio e poder, tremendamente insólitos para unha muller naqueles tempos, ofrecen sobrada evidencia a correspondencia que mantiña con poderosos personaxes da época ou o feito de converterse na única muller á que se permitía predicar en igrexas e prazas públicas.

No referente ao seu legado escrito, son especialmente recoñecidas os seus tres obras mestras sobre Teoloxía, así como as decenas de partituras litúrxicas que compuxo para a misa. Pero Hildegarda foi tamén unha científica brillante na súa época, tremendamente interesada no funcionamento do corpo humano e as propiedades medicinais de herbas, minerais e animais. Neste campo ditou dous libros: Physica, centrado en diversos aspectos das ciencias naturais, e Cause et cure, no que pon o foco na medicina, describindo a orixe das enfermidades e o seu tratamento. Ademais, superando o androcentrismo propio do ámbito médico (que, por desgraza, perdura ata os nosos días), estudou o funcionamento do corpo da muller como diferente ao do home. Nas súas investigacións, de feito, abordou diferentes cuestións relacionadas co aparello reprodutor feminino e chegou a ofrecer a que se considera como a primeira descrición escrita do orgasmo na muller.

Nunha época de subordinación e desprezo por todo o relacionado co mundo feminino, Hildegarda de Bingen, a través da súa propia experiencia, a súa obra e o seu discurso, promoveu a igualdade entre homes e mulleres en diversos ámbitos e, moi especialmente, no da ciencia. Neste sentido, a abadesa non só foi unha adiantada á súa época, senón que, moi probablemente, o sería tamén na actualidade. E é que os estereotipos e nesgos de xénero continúan estando moi presentes no campo científico onde, aínda a día de hoxe, menos do trinta e tres por cento das persoas que se dedican á investigación son mulleres. Por iso, oitocentos corenta e cinco anos despois da morte dunha das figuras máis relevantes de todos os tempos, seguimos reivindicando a importancia de que as mulleres estean representadas en igualdade de condicións en todos os campos do saber, achegando novas perspectivas, talento e creatividade.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia