Cookies

Noticias 

© FEI | 24/03/2023 | Mulleres con Historia: Alice Walker

Alice Walker, unha muller de premio Pullitzer

Autora feminista aclamada e activista defensora dunha revolución social. A través das súas obras trata temas de raza e xénero

24/03/2023

Poetisa, novelista, docente, traballadora social, editora, feminista e activista. A través das súas obras e polo seu profundo tratamento da cultura afroamericana, converteuse na figura máis relevante do renacemento da literatura en Estados Unidos.

Alice Walker naceu en 1944 en Georgia (EEUU) pouco despois do fin da Gran Depresión. Cando tiña oito anos de idade, nun accidente xogando quedou cega dun ollo. Este acontecemento cambiou totalmente a súa personalidade e a nena extrovertida, activa e alegre que era tornou triste e encerrada en si mesma. Naquel momento, quixo refuxiarse no lectura e a poesía, a súa nai agasallouna cunha máquina de escribir para que se adicase á súa educación en lugar de realizar as tarefas cotiás.

Dada a súa excelencia, máis tarde recibiu unha beca para asistir ao Spelman College, onde estudou durante varios anos ata transferirse ao Sarah Lawrence College. Mentres continuaba coa súa formación, tivo a oportunidade de visitar África como parte dun programa de estudos no estranxeiro. A principios dos 60, coñeceu a Martin Luther King Jr, e tras ese encontro e a súa graduación en 1965, tomou a decisión de regresar ao sur como activista, involucrándose no movemento polos dereitos civís concretamente na loita contra o racismo e pola igualdade das persoas negras, e sobre todo, das mulleres.

Foi neste momento tamén cando comeza a ensinar e publicar contos e ensaios. Á par comezou a súa andanza coma traballadora social, mestra e conferencista. As súas primeiras novelas, o poemario Once apareceu en 1968 e a súa novela A terceira vida de Grange Copeland, dos anos máis adiante; sendo un relato que se estende por máis de 60 anos e tres xeracións. Posteriormente chegaron obras como Petunias Revolucionarias e outros poemas, a colección de contos En amor e problemas: Historias de mulleres negras ou A cor púrpura –relatos nos que comezaba a tratar o abuso e a violencia sexista na comunidade afrodescendente-.

Esta última narra a historia e experiencias dunha muller nova negra a principios do século XX. Reflicte dun xeito cru a loita das mulleres nun mundo cheo de abusos e violencia contra elas, a través de personaxes femininos fortes. É unha obra na que manifesta, ademais da súa loita contra o racismo branco, a loita contra a cultura negra patriarcal.

En 1983, Alice Walker foi a primeira muller afroestadounidense en recibir o premio Pullitzer por A cor púrpura na categoría de ficción. A súa obra vendeu máis de dez millóns de copias e foi traducida a máis de vinte linguas. Sen dúbida, converteuse na súa novela máis famosa e tamén nun libro de referencia feminista e literaria.

Tan potente foi esta historia que rematou por chegar á grande pantalla, dirixida por Spielberg, coa actriz Whoopi Goldberg coma protagonista. Tras ser un éxito en venta de boletos, a película foi moi aclamada pola crítica aínda que tamén contou con detractores que sostiñan que amosaba unha visión moi estereotipada das vidas das persoas afrodescendentes.

En 1996, Alice afondou nos seus sentimentos e reflexións sobre esa película coa obra The Same River Twice: Respecting the Challenging. Tamén A cor púrpura transformouse nun musical de Broadway en 2004. Outras das súas grandes obras son The Temple of My Familiar, A posesión do segredo da alegría, Pola luz do sorriso do meu pai, Agora é o momento de abrir o teu corazón, Somos os que estivemos agardando a luz en tempos de escuridade.

Walker nunca deixou de facer activismo nas súas distintas causas. O 8 de marzo de 2003, no Día Internacional da Muller, véspera do inicio da guerra de Irak foi arrestada por cruzar un cordón policial durante unha manifestación contra a guerra. Xunto a 5000 activistas máis marcharon cara a Casa Branca e rodeárona coas mans unidas. Tamén viaxou a Gaza, en marzo de 2009, con outras mulleres activistas como resposta á devastación durante a ofensiva israelí.

Ensaios, volumes de contos, poemarios e ficcións: Walker aínda continúa traballando sen descanso na creación de historias caracterizadas pola defensa da igualdade racial e de xénero. Un grande exemplo para millóns de nenas e mulleres de todo o mundo ao achegar unha xigantesca referente literaria.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia