Cookies

Noticias 

© FEI | 08/02/2024 | Firma do Convenio Incorpora 2024

A Rede Incorpora Galicia renova o seu convenio de colaboración para 2024

A firma do acordo permitirá continuar un ano máis co impulso á inserción sociolaboral de persoas en risco de exclusión social

08/02/2024

A Fundación Érguete-Integración, IGAXES, COGAMI, APES, FEAFES, a Fundación JuanSoñador e Cruz Vermella Ourense e Lugo asinaron na Coruña un novo convenio de colaboración co programa Incorpora de Fundación “la Caixa”. No acto estiveron presentes, en representación da Fundación Érguete, Rubén Cagiao Avendaño, actual presidente, e Sole Costas e Rosaura Romo, responsables na entidade dos programas Incorpora e Reincorpora respectivamente.
 
Ademais de levar a cabo a renovación do acordo polo período dun ano, no evento fíxose tamén repaso dos datos acadados ata o de agora por parte das entidades galegas, todas elas cunha ampla experiencia no campo da inclusión social e laboral de persoas que, por un ou outro motivo, se enfrontan a dificultades para atopar traballo. Carlos Vidal-Quadras, da área de Inclusión Social da Fundación “la Caixa”, destacou no seu discurso o gran labor das organizacións colaboradoras, un traballo que permitiu, ao longo do 2023, chegar ás 1.153 insercións laborais. A Fundación Érguete-Integración, pola súa banda, realizou o pasado ano un total de 835 intervencións e alcanzou as 290 insercións laborais, o que supón máis dun 25% do total de insercións conseguidas polas nove entidades da rede Incorpora en Galicia.
 
O Programa Incorpora, que leva en funcionamento máis de 15 anos, procura a inserción laboral de persoas en risco ou situación de exclusión social a través da intermediación das entidades colaboradoras de cada territorio, encargadas de establecer convenios con empresas e asociacións empresariais que buscan incorporar persoal. Ademais, o programa ofrece aos usuarios e usuarias a posibilidade de realizar diversas formacións para potenciar as súas competencias sociais e laborais, prácticas en empresas para facilitar a entrada ao mundo laboral ou asesoramento para persoas emprendedoras, entre outras cuestións. Deste xeito, os e as técnicas de inserción laboral de cada entidade ocúpanse de estudar o mercado laboral, identificar potenciais empresas contratantes e, por suposto, acompañar ás persoas beneficiarias ao longo de todo o proceso de inserción laboral.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > PROGRAMAS > Incorpora