Cookies

Noticias 

© Aspronaga | 31/01/2024 | Chus Pou nunha festa de entroido en Aspronaga

Chus Pou, a muller que marcou o nacemento da primeira asociación galega para persoas con discapacidade intelectual

O legado da coruñesa continúa presente a través da súa familia e da asociación Aspronaga

31/01/2024

María Jesús “Chus” Pou naceu en A Coruña en 1958 co que, por aquel entón, o pediatra diagnosticou como “mongolismo” ou “idiocia”. Faltaban apenas uns meses para que, a máis de mil catrocentos quilómetros de distancia, o médico e xenetista francés Jérôme Lejeune descubrise a anomalía cromosómica que dá lugar ao que agora coñecemos como síndrome de Dowm. Mais habería que esperar ata 1969 para que a OMS establecese este último como o termo oficial para referirse ás persoas que nacen cunha copia extra do cromosoma 21. E non sería ata moitos anos máis tarde que a locución se popularizaría.
 
Chus foi a quinta filla de Lucrecia Romay e Martín Pou, e o seu nacemento marcou un antes e un despois na familia. Pese ao descoñecemento e ao medo, alimentado polos consellos dos médicos que a atendían -chegaron a dicirlles que debían recluír á pequena-, a nai e o pai de Chus non se renderon, primeiro no seu intento de atopar unha “cura” para o seu “padecemento” e, tras comprender que aquilo non era unha enfermidade, para que puidese ter a mellor calidade de vida posible.
 
Ao longo deste camiño cheo de numerosos obstáculos -incomprensión social, desprezo político, mutismo administrativo…-, Martín Pou tivo a idea de buscar, mediante un anuncio no xornal, a outras familias con fillas e fillos coma Chus: «Aviso importante: a tódolos pais e familiares que o sexan dun neno ou nena anormal (mongólico) invítaselles a unha reunión para tratar asuntos de moita importancia para este colectivo. (...)». Á reunión, celebrada o doce de marzo de 1962, acudiron cento corenta persoas, na procura das respostas e o acougo que ninguén lles ofrecera ata daquela. Moi pouco despois, deste xerme nacía a primeira asociación galega centrada en mellorar a vida das persoas con discapacidade intelectual, e da que Chus formou parte activa: Aspronaga.
 
A día de hoxe, a entidade conta cun centro de Educación Especial, un Centro Ocupacional, un Centro de Día para persoas adultas, unha residencia, vivendas tuteladas, servizos de ocio e deporte... ferramentas que aquelas familias que acudiran á chamada de Martín, non puideran nin soñar, e que agora permiten a centos de persoas desfrutar dunha mellor calidade de vida, sen atravesar os obstáculos aos que a propia Chus tivo que facer fronte durante a súa infancia.

O vinte e oito de novembro de 2023, Chus faleceu na súa cidade natal, deixando atrás un impagable legado: a súa contaxiosa bondade. Conta un dos seus sobriños, o escritor e xornalista Nacho Carretero, nun fermoso artigo para a Revisa Orsai, que súa avoa e seu avó, ante a pregunta sobre que lles aportara Chus, replicaron sen un ápice de dúbida: “Somos mellores. Fíxonos mellores”.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia