Cookies

Noticias 

© FEI | 24/12/2023 | Reparto de comida en Vigo e A Coruña

A Fundación Érguete Integración reparte preto de 300 racións de comida e agasallos durante o Nadal Solidario 2023

O proxecto, que leva en funcionamento máis dunha década, celébrase todos os 24 e 31 de decembro

24/12/2023

A Fundación Érguete-Integración, a través do seu programa Sísifo, traballa a diario na procura de mellorar a calidade de vida de centos de persoas que se atopan en situación de exclusión social severa. Con todo, estas datas de encontros, xantares en familia e festexos para unha gran parte da poboación, preséntanse como unha época especialmente difícil para moitas destas persoas. Por iso, a entidade organiza, coa colaboración da Fundación “la Caixa”, o seu particular Nadal Solidario, co que fai posible que usuarios e usuarias sen fogar desfruten tamén de compañía e unha comida especial por Noiteboa e Noitevella.
 
Esta mesma mañá, o equipo de Sísifo, coa colaboración de voluntariado da fundación, levou a cabo o primeiro reparto de comida, chocolate quente e doces. No local da entidade en Vigo fíxose entrega dun total de 100 racións de polo asado con patacas, pan e auga, mentres que no da Coruña foron distribuídas 46. Ademais, os presentes recibiron un pequeno agasallo: unha chaqueta polar que, de seguro, contribuirá a facer fronte ao frío desta época. Por último, proporcionóuselles unha bolsa de alimentos e doces de nadal, cortesía do Banco de Alimentos de Vigo e da Parroquia do Cristo da Vitoria, dúas entidades que habitualmente contribúen a este evento solidario coas súas doazóns.
 
O vindeiro domingo, día de Fin de Ano, a fundación realizará un segundo reparto en ambas cidades, ao que se sumará a entrega dun novo obsequio sorpresa.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > PROGRAMAS > Sísifo