Cookies

Noticias 

© FEI | 07/03/2024 | Taller Comunicadas 2024

Doce mulleres de A Lama e oito de Pereiro de Aguiar participan no taller Comunicadas

As actividades realízanse no marco do proxecto E.V.A., e están financiadas a través das subvencións a entidades de iniciativa social para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

08/03/2024

Esta semana deu comezo, un ano máis, o obradoiro Comunicadas, que se celebrará entre os meses de marzo e xuño nos centros penais de A Lama (Pontevedra) e Pereiro de Aguiar (Ourense).

Nesta ocasión, vinte mulleres privadas de liberdade participarán en diversas actividades coas que se traballarán aspectos da comunicación verbal e non verbal, como a expresión oral e escrita, a escoita activa, a asertividade ou a empatía. Mediante o fío condutor que ofrece o visionado dunha serie ou filme, foméntase a reflexión e o debate sobre temáticas tan diversas como o racismo, a pobreza, o machismo, o empoderamento, os movementos sociais, os dereitos laborais, etc. Ademais, as dinámicas propostas procuran impulsar o crecemento persoal a través da cohesión grupal, ofrecendo un espazo de respecto e apoio mutuos.

O obxectivo fundamental do taller é potenciar as destrezas comunicativas e as habilidades sociais destas mulleres, procurando mellorar a súa seguridade e fortaleza persoal, así como reforzar as súas redes de apoio.

Estas actividades realízanse ao abeiro do Proxecto E.V.A. (Emprego - Visibilidade - Autonomía), que comprende diferentes accións xurdidas da análise das necesidades da poboación feminina reclusa en busca de mellorar, na medida do posible, as súas condicións mentres dura a condena, ademais de facilitar a súa posterior incorporación ao mercado de laboral.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres Privadas de Liberdade