Cookies

Noticias 

© FEI | 17/01/2024 | Formacións en Nigrán e Tui

Preto do 60% das persoas que remataron a súa formación no programa Emprego Inclusivo acadaron a inserción laboral en 2023

Nigrán e Tui acolleron senllas formacións, dirixidas a persoas desempregadas en situación de vulnerabilidade

17/01/2024

O programa Emprego Inclusivo, financiado pola Deputación de Pontevedra e desenvolvido dende a Fundación Érguete-Integración coa colaboración de diferentes concellos, pon punto e final ao 2023 con datos moi positivos: ao longo do ano, 24 persoas participaron nas formacións ofrecidas, das que o 87,5 % finalizaron con éxito. Así mesmo, 12 acadaron un posto de traballo, o que supón case un 60 % de insercións entre as e os participantes que remataron o programa.

Nesta ocasión, os concellos de Nigrán e Tui foron os encargados de acoller as accións formativas, no primeiro caso de “Auxiliar de comercio e reposición” e, no segundo, de “Auxiliar de almacén”. Ambos cursos contaron cun total de 190 horas, nas que se ofreceu ao alumnado tanto capacitación en competencias técnicas como transversais, ademais de orientación para o emprego e prácticas non laborais. Neste sentido, 14 empresas colaboraron acollendo ás persoas participantes ao longo de 80 horas de prácticas, dándolles así a oportunidade de achegarse á realidade do sector no que se formaban.

Durante o curso de “Auxiliar de comercio e reposición”, que se celebrou en Nigrán entre abril e xuño, as persoas participantes aprenderon a realizar actividades de venda e reposición e acondicionamento do espazo comercial, así como a proporcionar atención e información operativa e protocolarizada á clientela. A formación de “Auxiliar de Almacén”, pola súa banda, impartiuse durante os meses de outubro e novembro no concello de Tui e contou, entre outras cuestións, cun módulo específico de carretilla elevadora. Ademais, en ambos casos, o alumnado recibiu formación en manipulación de alimentos, emprendemento e igualdade de oportunidades.

O obxectivo do programa Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade de persoas en risco ou posible risco de exclusión que teñen dificultades para acadar a incorporación ao mercado laboral. Para isto, procúrase enriquecer o perfil profesional das e dos participantes, así como incrementar as súas capacidades e competencias para a procura de emprego, sempre dende un enfoque de empoderamento da persoa.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > FORMACIÓN > Emprego Inclusivo