Cookies

Noticias 

© FEI | 18/01/2024 | Formación do programa Achégate á Rede en Vigo

Volve Achégate á Rede, un programa de mellora das competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade

Co-financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a Fundación Érguete-Integración imparte esta formación tanto en Vigo como na Coruña

18/01/2024

Esta semana daba comezo, na sede da Fundación Érguete-Integración en Vigo, unha nova edición do programa Achégate á Rede, no que un grupo de mulleres en situación de vulnerabilidade reciben formación sobre o emprego das novas tecnoloxías en cuestións relacionadas coa vida cotiá, como o manexo do teléfono móbil, a realización de trámites administrativos, a procura de emprego, a importancia da seguridade dixital, etc.

A formación, que conta cun total de 64 horas, está dividida en tres talleres sobre competencias dixitais e igualdade, impartidos en horario de 9:30 a 12:30 horas: “O que podo esperar da Internet”, “Uso básico do teléfono móbil” e “Autocoidado. Pensar nunha mesma”. A isto únese a prestación de asesoramento e apoio en xestións telemáticas e relacionadas coa procura de emprego para aquelas mulleres que así o precisen, ofrecida dende servizo Ciberemprego.

O proxecto Achégate á Rede lévase a cabo a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0.7% do IRPF, xestionadas dende a Secretaría Xeral da Igualdade, e ten como un dos seus principais obxectivos reducir a fenda dixital mediante a formación e capacitación das mulleres en cuestións relacionadas coas novas tecnoloxías.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Achégate á rede