Cookies

Noticias 

O Programa de redución do dano en Marín realizou en 2023 un total de 2022 intervencións

Dende agosto do pasado ano, o proxecto está financiado a través do Plan Social Ence Pontevedra

03/01/2024

O Programa de redución do dano que a Fundación Érguete-Integración realiza no concello de Marín, puxo fin ao 2023 cun total de 92 persoas atendidas en 2022 intervencións, o que supón unha media dunhas 30 persoas ao día. Destas, practicamente un 69% eran homes, fronte ao 31,5% de mulleres.

Mediante este programa, a Fundación facilita o acceso e integración das persoas drogodependentes á rede asistencial, a través dun traballo individualizado de apoio psicolóxico, motivación e derivación, en caso de ser necesario, a outros recursos. Ademais, procúrase favorecer medidas que eviten a exclusión social e sanitaria de persoas con problemas de consumo de drogas e aténdese a outras persoas en situación de exclusión, coa finalidade de minimizar a súa achega ao consumo.

Para acadar estes obxectivos, ao longo do 2023 realizáronse un total de 11.454 accións destinadas á atención de necesidades básicas, entre as que destacan o reparto de produtos de alimentación e kits de hixiene. Así mesmo, como medidas de redución de riscos, repartíronse 350 xiringas e 185 unidades de compresores, ácido cítrico e toalliñas desinfectantes. Finalmente, recolléronse 609 xiringas entre as persoas usuarias.

Todas estas accións están destinadas a mellorar a saúde e o benestar de persoas que se atopan en situación de exclusión social severa na zona de Marín, así como a reducir a posible propagación de enfermidades infecciosas e outros problemas asociados ao consumo de drogas, colaborando deste xeito na mellora xeral da comunidade.

Dende o mes de agosto de 2023, este proxecto está financiado a través do Plan Social Ence Pontevedra, no marco do seu Programa de Responsabilidade Social Corporativa.
 
#EncePlanSocialPontevedra

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > INTERVENCIÓN COAS PERSOAS > Intervención con Persoas Drogodependentes - Plan Social Ence