Cookies

Noticias 

© FEI | 05/04/2024 | Curso do programa Emprego Inclusivo en Salceda de Caselas

Salceda de Caselas acolle un curso Operacións básicas de almacenaxe e reposición de mercadorías

Financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Programa Emprego Inclusivo e impartido pola Fundación Érguete-Integración en colaboración co Concello de Salceda, a formación diríxese a persoas desempregadas ou que queiran mellorar a súa situación laboral

05/04/2024

A partir do mes de abril, a Fundación Érguete–Integración, en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, levará a cabo no municipio un curso de Operacións básicas de almacenaxe e reposición de mercadorías, que contará con 190 horas de formación, das que 80 se corresponden con prácticas en empresas.
 
O curso terá lugar do 25 de abril ao 20 de xuño, en horario de 09:00 a 14:00 horas, e incluirá os módulos específicos de formación en almacenaxe e reposición, manipulación de alimentos e carretilla elevadora, ademais de prácticas non laborais en empresas. Tamén se impartirán formacións en competencias transversais, igualdade de oportunidades e emprendemento.
 
Esta formación realízase ao abeiro do Programa Emprego Inclusivo, financiado pola Deputación de Pontevedra, e diríxese a persoas demandantes de emprego ou que queiran mellorar a súa situación laboral, con preferencia daquelas que se atopen empadroadas no concello de Salceda de Caselas.
 
A finalidade do proxecto Emprego Inclusivo é mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social, de xeito que poidan incorporarse ou volver ao mercado laboral, desde un enfoque de empoderamento da persoa e o desenvolvemento das súas competencias.
 
Para recibir máis información ou preinscribirse, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono da Fundación Érguete–Integración, 986 253 176 (de 08:00 a 14:30h), ou no enderezo electrónico incorpora@fundacionerguete.org.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > FORMACIÓN > Emprego Inclusivo