Cookies

Noticias 

© elespanol.com | 02/01/2019 | Lillian Gilbreth foi unha enxeñeira, psicóloga e inventora estadounidense

Lillian Gilbreth, derribando barreiras e abrindo portas

02/01/2019

Esta psicóloga e enxeñeira, nada en Estados Unidos en 1878, conseguiu romper grazas ao seu incansable traballo todas as barreiras que tiñan impedido a incorporación da muller a determinados espazos e profesións, como a da enxeñaría.

 

Lillian Gilbreth destaca, sobre todo, pola súa brillante formación e carreira profesional. Foi unha das primeiras mulleres enxeñeiras en conseguir doutorarse, e decidiu especializarse en psicoloxía organizacional e industrial. A isto hai que engadirlle un master en Literatura, e un doutorado en psicoloxía, materia da que chegou a converterse en profesora universitaria.

 

Entre os numerosos logros da súa prolífica vida profesional destaca o feito de ser a primeira muller en ser admitida na Academia Nacional de Enxeñaría dos Estados Unidos. Tamén traballou con Johnson & Johnson en estudos para produtos de hixiene que hoxe utiliza todo o mundo.

 

Gilbreth quería levar os estudos de Henry Taylor máis alá, para o que combinou estudios científicos sobre a xestión do tempo e o traballo coa psicoloxía dos traballadores e o aplicou ao seu fogar. Buscaba liberar ás mulleres da gran carga de traballo que daquela lles supoñían os quefaceres domésticos para que puideran ter unha profesión fóra da casa.


Con este obxectivo Gilbreth tratou de implementar no seu fogar todo o que utilizaba como enxeñeira e psicóloga. Xunto ao seu marido Frank Gilbreth Sr. tivo 12 fillos. Esta circunstancia, lonxe de afastala das súas metas laborais, fixo que buscase unha solución. Así, xuntos chegaron a acadar certa fama coa publicación do seu libro Cheaper by the Dozen sobre todas as situación derivadas do día a día e da xestión dunha casa con tantas persoas. Esta obra inspirou unha obra de teatro, un musical e incluso unha película do mesmo nome.

 

Enxeñeira, psicóloga, inventora...


Lillian Gilbreth nunca quixo limitarse a unha etiqueta. É por iso que traballou para que o seu traballo transcendera un só ámbito e axudara á vida xeral das persoas.


Ademais de todo o xa exposto, Lillian tamén se converteu nunha destacada asesora de varios presidentes do seu país como Hoover, Roosevelt, Eisenhower ou Kennedy.


Foi incluso unha recoñecida inventora. Destaca o escritorio ergonómico que ideou para IBM (e que foi premiado nunha feira mundial) e durante a Gran Depresión que sufriron os Estados Unidos inventou varios obxectos que axudarían á política de emprego como o pedal do cubo do lixo ou as baldas que engadiu ao frigorífico.


Hoxe fanse 47 anos do seu falecemento, pero o seu nome será recordado polas xeracións que despois dela viñeron como un referente para todas as mulleres. Unha persoa que loitou polo seu dereito a exercer unha profesión á marxe da súa vida familiar, e que demostrou a súa valía con independencia dos prexuízos sobre as mulleres e a súa capacidade para certas tarefas.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia