Cookies

Noticias 

© FEI | 29/12/2023 | Mural realizado pola artista Iria Fafiñán e persoas internas do C.P. de Teixeiro

Finaliza o proxecto Trazando Muros no centro penitenciario de Teixeiro

A iniciativa, financiada polo Concello de Carballo, comprende diferentes actividades coas que se procura mellorar a convivencia dentro e fóra do centro

29/12/2023

Co obxectivo de traballar as competencias persoais e sociais dun grupo de persoas do concello de Carballo que cumpren condena no centro penal de Teixeiro, a Fundación Érguete-Integración levou a cabo, durante este 2023, o proxecto “Trazando Muros”.

A través de varios talleres, dez persoas privadas de liberdade puideron ser partícipes das actividades que se realizan ao longo do ano no seu propio concello. Así, entre outras cuestións, traballaron acerca da importancia da contorna, o seu coidado e a responsabilidade individual sobre o mesmo, coa organización Arquitectura sen Fronteiras. Tamén participaron no deseño dun mural coa artista Iria Fafián que, tras varias sesións de traballo, foi trasladado á entrada dun dos módulos do centro penal. Como colofón, o pasado 27 de decembro as e os internos asistiron a unha actuación de improvisación da man dos humoristas Roi da Costa e Xavier Veiras, que encheron o salón de actos de Teixeiro de risas e moita imaxinación co seu espectáculo “Impro Depor”.

Mediante todas estas actividades, a entidade busca non só ofrecer ás persoas internas alternativas para un ocio máis saudable, senón tamén mellorar as súas competencias a nivel persoal e relacional e, con iso, a convivencia tanto dentro como fóra do centro.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Anteriores > >