Cookies

Noticias 

© Bambú | 01/03/2018 | Rodaxe Fariña

Fariña, máis alá da ficción

01/03/2018 | Vigo

Levamos varias semanas ouvindo o 'run-run' ao redor da serie baseada no 'libro prohibido', Fariña. E finalmente, onte, estreouse un avance do que podería ser un primeiro capítulo. Para os que lemos o libro, ou para aquelas familias que viviron en primeira persoa a historia, hai discrepancia en canto á veracidade de personaxes e espazos, pero iso é outra historia.


Tras a presentación do capítulo, tivo lugar un debate, no que (entre outras persoas) participou Carmen Avendaño como nai coraxe en representación das familias que sufriron as consecuencias da xeración da droga, o autor do libro, Nacho Carretero ou o ex comisario da Policía Nacional en Galicia, Enrique León. No coloquio, moderado por Esther Vaqueiro valorouse a credibilidade da serie, o feito de que o libro fose secuestrado. Tamén se analizou a situación real de como a droga entrou en Galicia, parte do debate na que Carmen gañou protagonismo.


Pero empezando polo primeiro punto, o que quizais estivo máis satisfeito co resultado da serie non foi outro que o propio autor, quen dixo que fora "unha marabilla. Creo que se captura moi ben a atmosfera galega". O xuíz José Antonio Vázquez Taín apuntou que "España necesita series como esta que lles diga á xente que pasou e que segue pasando", con todo "quedouse curta. Onde se fala de centos, hai que falar de miles. O haxix enviábase por toneladas desde Holanda. Non foi tan localista como se mostra, pero é difícil retratar o mundo do narcotráfico se non hai unha sentenza que che apoie. Calquera cousa que non se sentenciou nos xulgados, vai supor unha querela". Pero quizais a máis crítica (non só sobre este asunto senón durante todo o debate) foi a avogada penalista Bárbara Royo, "Como ficción paréceme moi entretida, outra cousa é se pensamos que hai datos reais ou non. Na miña opinión non se axusta á realidade".


Outro dos puntos crave do coloquio foi o secuestro do libro, ao que a propia penalista razoou: "Se hai datos que non se axustan á realidade, o normal é que haxa unha demanda e se expoña o secuestro do libro". Tivo, neste momento (e dado que Nacho Carretero acordara coa dirección do programa non falar da causa xudicial por estar pendente de sentenza) que saír no seu defensa o ex comisario da UDYCO en Galicia "pode ter inexactitudes en datas ou localizacións, pero consegue reflectir a realidade desa época. Parece que estamos a falar de persoas que non romperon un prato e só hai que ver as súas condenas".


Despois tocoulle a quenda a Carmen, para que explicase a súa experiencia, de como ela e tantas outras familias afectadas pola secuela da droga, viviron os anos do auxe dos narcos nas costas galegas. "Foi todo moi dramático e por iso eu indígnome moito cando alguén quere desmitificalo, porque é un tema real e moi cru no que participamos, desgraciadamente, moitas familias. Esa loita incansable foi clave para obrigar tanto aos políticos como aos xuíces a unha actuación porque todo o mundo pechaba os ollos e ninguén dicía nada".


Carmen explica que un dos grandes problemas naqueles anos foi a desinformación, xa que nin sequera se sabía que había drogas e a eles iso soáballes "aos hippies do ano 68". Por iso, defende que a pesar de educar aos seus fillos en valores, solidariedade e respecto, "como calquera pai de familia", tiveron que aprender sobre a marcha sobre o que estaba a ocorrer: "Se era algo descoñecido para os adultos, moito máis descoñecido ía ser para os nosos fillos".

En realidade, toda a polémica en torno ao libro secuestrado e á serie, ten sen dúbida unha repercusión extra televisiva que conseguiu que calquera defensor da liberdade de expresión ou dun sistema xudicial libre e independente, queira ver/ler a obra. E, para nós, galegas e galegos que puidemos ver o episodio, case fumos quen de respirar o aire atlántico das costas. E só por iso, xa case mereceu a pena.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias