Cookies

Noticias 

© FEI | 18/12/2023 | Acto de clausura do PFI 2023

O Punto de Formación Incorpora clausura o 2023 con excelentes resultados

Preto dun 90% das 60 persoas participantes finalizaron a formación con éxito, e acadáronse un total de 42 insercións

18/12/2023

Esta mañá tivo lugar, na Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, a clausura das accións formativas levadas a cabo durante o 2023 polo Punto de Formación Incorpora da Fundación “la Caixa”, xestionado dende a Fundación Érguete-Integración.

María Esteban Campos, responsable do PFI, foi a encargada de abrir o evento, no que interviñeron tamén Ana M. Álvarez Franco, directora da Fundación Érguete-Integración, Susan Santos Morales, responsable da Fundación 'la Caixa' en Galicia e Cristina Rozas, directora financeira de IGAXES, entidade coordinadora da Rede Incorpora na comunidade galega.

No acto presentáronse os datos deste ano, no que 60 persoas tiveron a oportunidade de formarse nun dos tres cursos ofertados: auxiliar de caixa e reposición, limpeza e desinfección en edificios e locais e auxiliar de almacén. Ao igual que en anteriores ocasións, a Fundación Érguete-Integración procurou adaptar ás formacións ás necesidades do mercado laboral local, realizando unha ardua labor de prospección. Esta exploración, unida á colaboración de 32 empresas da zona nas que o alumnado puido realizar as súas prácticas, fixeron posible, ata o momento, un total de 42 insercións

Os positivos resultados obtidos durante este 2023 non serían posibles sen o traballo en rede de todas as entidades que forman parte do Grupo Incorpora (IGAXES, Saúde Mental FEAFES Galicia, COGAMI e Juan Soñador), así como do Banco de Alimentos de Vigo, que colabora habitualmente nas prácticas do alumnado.

As actividades levadas a cabo dende o PFI teñen como obxectivo acadar unha mellora do perfil profesional de persoas que presentan especiais dificultades para acceder ao mercado laboral. Para isto, a formación non se reduce exclusivamente á capacitación técnica do alumnado, senón que inclúe o traballo en competencias transversais (autocoñecemento, comunicación, resolución de conflitos, traballo en equipo, igualdade de oportunidades…) e dixitais, así como a orientación laboral para la procura de emprego e o emprendemento.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > FORMACIÓN > Punto de Formación Incorpora