Cookies

Noticias 

© FEI | 27/03/2024 | Clara Zetkin

Clara Zetkin, a principal impulsora do Día Internacional da Muller Traballadora

Xornalista, oradora, mestra... a comunista alemá foi, por enriba de todo, unha incansable revolucionaria e loitadora polos dereitos das proletarias

29/03/2024

O 17 e 18 de agosto de 1907, cincuenta e nove delegadas de quince nacións do mundo reuníanse en Stuttgart (Alemaña) en defensa da emancipación da clase obreira, o antimilitarismo e a internacionalización do socialismo: nacía nese momento o que hoxe coñecemos como a Internacional Socialista de Mulleres, movemento que reivindicaría os dereitos das traballadoras e o papel destas na loita obreira. Xa nesta Primeira Conferencia Internacional destacaría o labor dunha das dirixentes comunistas máis recoñecidas de todos os tempos: Clara Zetkin, que sería elixida polas presentes como Secretaria Internacional da Muller. Tres anos máis tarde, en 1910, Copenhague (Dinamarca) era a cidade escollida para albergar a II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas, na que a propia Zetkin presentaba, ante as xa máis de cen delegadas participantes, a proposta de conmemorar o día Internacional da Muller Traballadora, en memoria de todas as mulleres que, durante os séculos XIX e XX, se manifestaban contra as terribles condicións laborais que sufrían e en defensa da consecución do voto feminino universal e a igualdade de dereitos.

Clara Eissner naceu o 5 de xullo de 1857 en Wiederau, Alemaña. Mentres cursaba os seus estudos de profesorado na cidade de Leipzig, coñeceu ao que sería o seu primeiro marido, o revolucionario ruso Ossip Zetkin do que, a pesar da súa fervente reivindicación dos dereitos das mulleres, adoptaría o apelido co que pasaría á historia.

Ao finalizar os seus estudos, Clara entrou en contacto co movemento obreiro, afiliándose, xa en 1878 ao Partido Socialista dos Traballadores, cuxas actividades serían prohibidas en Alemaña pouco despois. Zetkin exiliouse entón en Suíza, onde coñecería a importantes figuras do movemento socialista, ata a súa volta a Alemaña co levantamento da prohibición, en 1890, para organizar a sección feminina do partido.

Entre 1892 e 1917, dirixiu o xornal Die Gleichheit (A Igualdade), onde se recolleron durante anos as reivindicacións do movemento socialista feminino internacional. Tanto nas súas páxinas como a través dos seus discursos, Zetkin defendeu ferventemente a loita do proletariado e o papel das mulleres nesta:
A proletaria conquistou a súa independencia económica, pero como persoa, como muller e como esposa, non ten a menor posibilidade de desenvolver a súa individualidade. Para a súa tarefa de muller e de nai só quedan as migallas que a produción capitalista deixa caer ao chan”. (Extracto do discurso Só coa muller proletaria triunfará o socialismo, pronunciado por Clara Zetkin o 16 de outubro de 1896 no Congreso de Gotha do Partido Socialdemócrata de Alemaña).

Pero Clara Zetkin tivo tamén un importante papel –aínda que menos coñecido-, na defensa dunha educación igualitaria que, para ela, era fundamental no proceso de liberación da humanidade e a construción dunha sociedade máis xusta. Por iso, apoiou a necesaria implicación das nenas e nenos, a través da súa educación dende a familia proletaria, no desenvolvemento político e social, e clamou contra o traballo infantil explotador. Neste sentido, loitou polo establecemento do ensino gratuíto, a creación de escolas especiais para nenos e nenas con discapacidade, a inclusión do deporte e a alimentación nas escolas, a mellora da remuneración do profesorado, a eliminación das clases de relixión no sistema escolar, etc.

Coa entrada de Alemaña na Gran Guerra, Zetkin participou tamén nas protestas para deter o conflito, o que a levaría a ser encarcerada en numerosas ocasións. Posteriormente, tras a coñecida como Revolución de Novembro de 1918, coa que se constituía a República de Weimar, Zetkin pasou a formar parte do primeiro Comité Central do Partido Comunista de Alemaña, ao que representou no Reichstag (parlamento alemán) entre 1920 e 1933.

Aos 75 anos, como membro de maior idade da institución, presidiu a apertura de sesións da cámara, dende onde, a pesar de estar xa enferma, utilizou todas as forzas das que dispoñía para pronunciar un último discurso pola unión contra o nacionalsocialismo. A pesar do seu traballo e ao doutras moitas persoas comprometidas contra o nazismo, Hitler chegaba ao poder en 1933. Zetkin viuse entón obrigada a exiliarse novamente, esta vez na URSS, onde morrería pouco despois, (o 20 de xuño dese mesmo ano), sendo enterrada nun funeral multitudinario ao que acudirían os máis destacados líderes comunistas da época.

Clara Zetkin pasou á historia pola súa defensa da revolución proletaria, a educación, o antimilitarismo e os dereitos da clase obreira. Pero, por encima de todo, destaca a súa impetuosa loita polos dereitos e a organización das mulleres obreiras. Nas súas propias palabras, “a inclusión das grandes masas de mulleres proletarias na loita de liberación do proletariado é unha das premisas necesarias para a vitoria das ideas socialistas, para a construción da sociedade socialista”.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia