Cookies

Noticias 

© Axencias | 17/01/2018 | Carmen Avendaño durante a vista previa do xuizo

A historia da loita de Carmen, a 'nai coraxe' galega

O próximo 27 de xaneiro terá lugar o xuizo que enfrontará a Carmen Avendaño e Laureano Oubiña

17/01/2018 | Vigo

 

 

Érguete leva máis de 30 anos loitando contra o narcotráfico e contra o que isto significou para unha xeración, a dos anos 80, que quedou irremediablemente afectada por esta lacra. Daquela, a mocidade adicta era cualificada de marxinal por unha sociedade que descoñecía o mundo das drogas. Hoxe, todo este traballo de concienciación e apoio vese simbolizado na figura da súa presidenta, Carmen Avendaño, unha muller loitadora, aguerrida e “nai coraxe” que pelexou sen límites contra o que lle esnaquizou a vida a de dous dos seus fillos e a tanta outra xente na mesma situación.

Carmen Avendaño, xunto con outra nais, foi a que pelexou para recuperar a dignidade destes mozos e mozas. E así nace a Asociación Érguete, tan recoñecida e valorada polo seu traballo incondicional na axuda a toxicómanos. Ela coñecía perfectamente os problemas do narcotráfico e por iso soubo onde actuar, onde atacar; especialmente porque mentres todo isto pasaba, a sociedade tan só consentía de forma tácita esta lacra.

Carmen sempre foi unha muller moi activa, comezou dende o ano 75  a colaborar co movemento asociativo, xa que foi unha das impulsoras do Centro Veciñal de Lavadores (parroquia viguesa da que ela é nativa) e alí traballaba na área de Servizos Sociais.

Tras fundar a Asociación Érguete no ano 1984, segue facendo cursos e traballando neste eido, o que a convirte nunha experta na materia e a chegar a ser, a partir do 95, en Concelleira no Concello de Vigo e Deputada Provincial en Pontevedra polo PSOE. A súa loita incansábel levouna a escribir artigos, a participar en teses e seminarios universitarios e ata converterse nunha figura protagonista na película Heroína (Gerardo Guerrero 2005).

Dende o 99, tamén lidera a Fundación Érguete-Integración que se dedica á incorporación socio-laboral a persoas en risco de exclusión social, principalmente drogo dependentes.

Toda unha vida dedicada de xeito incansable a esta loita. E foi pioneira. Carmen nunca tivo reparos en dicir as verdades tal e como son cando ninguén se atrevía a elevar a voz. Vaticinou o avance desta pandemia e da aceptación social dos narcotraficantes (sen dúbida potenciada polo seu elevado poder adquisitivo e polas influencias políticas). E reivindicou o fraco favor que o cárcere lle facía aos drogo dependentes, quizás porque un dos seus fillos experimentouno, quizás porque viu tantos fillos e fillas nunha situación similar que non cabía dúbida.

Agora, a “nai coraxe” galega por excelencia, vese cara a cara con un dos seus principais obxectivos de loita, Laureano Oubiña, que a demanda por un delito contra a honra; en concreto por declarar nunha entrevista que ademais de cannabis, Oubiña tranficaba con “outro tipo de drogas”. Onte foi a vista previa, Carmen acudiu (e non tiña por que), o narco preferiu acudir a un plató de televisión. A acusación pide 150.000€. O próximo sábado 27 terá o xuizo. Un xuizo no que seguro contará co apoio de todas as persoas que dalgún xeito, queren rematar con esta dor dunha vez por todas.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias