Cookies

Noticias 

© UNAD | 06/03/2024 | Campaña #PonElFoco8M de UNAD

A Fundación Érguete-Integración chama a “poñer o foco” na realidade das mulleres con adiccións

Coincidindo coa semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller, a entidade súmase á campaña #PonElFoco8M de UNAD, na procura de eliminar os estigmas e prexuízos que recaen sobre este grupo de poboación

06/03/2024

A Fundación Érguete-Integración fai un chamamento á sociedade en xeral para “poñer o foco” na realidade das mulleres con adiccións e deixar ao carón os estigmas e prexuízos que recaen sobre elas.

Así o manifestan desde a entidade coincidindo coa semana na que se conmemora o Día Internacional da Muller, que se celebra cada 8 de marzo co obxectivo de eliminar toda forma de discriminación cara ás mulleres, promover o seu empoderamento e conseguir a súa plena participación na sociedade.

Con esta acción, a Fundación Érguete-Integración súmase á campaña que UNAD, a Rede de Atención ás Adiccións da que forma parte, puxo en marcha hoxe baixo o lema “No te pierdas. Pon el foco”, co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre a marxinación e estigmatización coas que viven as mulleres con adiccións.

Neste sentido, a Rede de Atención ás Adiccións, baseándose en estudos propios e de organismos oficiais, sinala que as mulleres con adiccións viven unha dobre penalización social polo mero feito de ser muller e consumir, penalización que, ademais, aumenta coa idade. Do mesmo xeito, o estigma, a culpa e o medo que sofre este grupo da poboación debido aos mandatos de xénero imperantes na sociedade, dificultan a petición de axuda profesional. De feito, segundo os datos do Perfil das adiccións, no último ano atendéronse na rede UNAD a un total de 47.033 persoas con drogodependencias e outras adiccións, das que só o 25% eran mulleres. Así mesmo, elas tardan, de media, 10 anos máis que os homes en pedir axuda e chegar aos recursos e, ademais, fano en peores condicións físicas e psicolóxicas. A isto engádese a masculinización da maioría dos recursos de atención ás adiccións, que non contan con perspectiva de xénero, o que non só limita o acceso das mulleres, senón tamén o seu mantemento nestes, dado que, en demasiadas ocasións, non reciben unha adecuada resposta terapéutica á súa problemática.

Doutra banda, cabe destacar que máis do 60% das mulleres drogodependentes sufriron violencia sexual por parte dos homes durante o seu período de consumo, así como abusos sexuais durante a súa infancia e adolescencia. Isto agrava aínda máis a súa situación, en parte porque non existen recursos específicos para atender ambas problemáticas e, mesmo se teñen un consumo activo, a súa entrada está limitada.

MULLERES EN SITUACIÓN DE SENFOGARISMO
A Fundación Érguete-Integración atende a diario a mulleres con drogadicción que presentan outra problemática engadida: viven en situación de rúa.

As mulleres sen fogar atópanse aínda máis expostas e son máis vulnerables a sufrir violencia sexual e delitos de odio. Segundo o INE, o 24,2% das mulleres en situación de rúa foron vítimas de agresións sexuais. Así mesmo, os datos do Observatorio HATEnto mostran que o 60% das mulleres en situación de senfogarismo sufriu algún delito de odio a causa da aporofobia, fronte ao 44,1% dos homes.

Vivir na rúa é incompatible co dereito á seguridade e á dignidade. As mulleres en situación de senfogarismo sofren insultos e discriminación, violencia física, sexual e asasinatos. Aínda que sabemos que os fogares poden ser unha cárcere para as mulleres que sofren violencia, a rúa non debe e non pode ser a solución. A situación de senfogarismo é unha negación grave dun dereito básico; non pode ser unha saída para ninguén e, moito menos, para situacións de violencia exercida cara ás mulleres.

MÁIS MEDIOS E PERSPECTIVA DE XÉNERO
“Todo isto fai aínda máis invisibles ás mulleres con adiccións”, lamentan dende a rede, reclamando unha atención específica e estratexias integrais para facilitar a accesibilidade aos servizos e adaptar os diferentes programas ás súas necesidades reais.

Por último, as entidades que conforman UNAD insisten na importancia de contar con recursos económicos e materiais, así como con profesionais coa preparación específica para ofrecer unha atención con perspectiva de xénero e lograr así a continuidade dos tratamentos. Neste punto, cabe destacar que dende a Fundación Érguete-Integración se traballa xa nesta liña como un dos eixos transversais das accións a realizar, establecendo a procura dunha igualdade real entre mulleres e homes como valor fundamental da propia entidade.
 
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Área de Igualdade