Cookies

Noticias 

© FEI | 21/04/2016 | Presentación Xornada Novas Oportunidades Laborais: Autoemprego

Resume da Xornada Novas oportunidades laborais: Autoemprego

O día 21 de abril tivo lugar na nosa sede de Vigo, unha xornada informativa sobre Novas Oportunidades laborais: Autoemprego, a cal serviu para presentar o programa Punto Autoemprego Incorpora (PAI) en Galicia que leva a cabo a Fundación Érguete-Integración e está patrocinado pola Obra Social a Caixa.

21/04/2016 | Vigo

No acto estiveron presentes, Carlos Rosón director de Igaxes3, entidade Coordinadora do Grupo Incorpora Galicia, Santiago Luaces dinamizador dos Segmentos de Autónomos e Microempresas na Delegación Territorial de Galicia de Caixabank, e Breixo Agulla director da sucursal da Caixa, en Vigo, que colabora como referente do Punto de Autoemprego Incorpora para a concesión de microcréditos. O acto foi presentado por Marta Alonso responsable do programa PAI, e clausurouno a Presidenta da Fundación, Carmen Avendaño.

Carlos Rosón lembrou que, desde 2006, o Grupo Incorpora Galicia alcanzou preto de 2000  insercións laborais, coa colaboración de máis de 1.000 iniciativas empresariais das catro provincias e coa firma de 48  convenios con asociacións empresariais e uns 260 con empresas.

Santiago Luaces explicou o funcionamento dos microcréditos, deixando claro que non son subvencións, pero que teñen un carácter especial xa que se deixan de lado algúns criterios financeiros para ter máis en conta á “persoa”, tamén lembrou que neste tipo de créditos é onde hai menos morosidade fronte á banca “tradicional”.

Marta Alonso contou en que consiste o programa PAI, asesoramento, información e apoio para darse de alta como autónomo e/ou creación do plan de negocio caso de necesitar financiamento para desenvolver o proxecto, a aquelas persoas que pola súa condición non poderían acudir a buscalo de maneira convencional  (clic aquí e veralo con máis detalle).

A continuación interveu Raquel Pedrouso Carreira (Diplomada en RRLL, Master en Dirección de RRHH, Facilitadora de procesos de aprendizaxe, Coach executiva, Game Desing e Formadora Linkedin). Falou da diferenza entre a procura activa de emprego e a procura de oportunidades de emprego. A través da súa exposición e coa participación dos asistentes tentou espertar, neles, a reflexión de en que momento da súa vida están, que queren e sobre todo e coas súas palabras “que busquen aquilo que lles faga vibrar”, como apuntou tras a intervención dunha asistente “servir un café non é só servir un café” é moito máis, é dar un momento de felicidade a alguén”.

Tras un descanso para tomar un café chegou o taller de resolución creativa para problemas de autoemprego dirixido por Pablo López Gutiérrez (Experto en Creatividade e Innovación, Graduado en Márketing Internacional, Master en Dirección de RRHH e Formación Específica en Creatividade e Innovación). Este taller foi totalmente activo e participativo, e nel desenvolvéronse varias dinámicas que buscaban romper coa rixidez coa que nos movemos e abrir a mente e liberala para poder expresar o noso pensamento creativo.

Finalmente o acto foi clausurado pola Presidenta Carmen Avendaño, onde animou aos participantes a colaborar entre eles e convidoulles a solicitar o asesoramento dos profesionais da Fundación para tentar levar a cabo os seus proxectos.

Nestas xornadas participaron máis de 40 persoas, entre asistentes e profesionais da propia Fundación.
 

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > PROGRAMAS > Punto Autoemprego Incorpora