Cookies

Noticias 

© Deputación de Pontevedra | 05/03/2018 | Fernanda Tabarés durante o seu relatorio

Cada muller é unha rompe xeos

05/03/2018 | Pontevedra

Este pasado fin de semana, como moitas de vós coñeceredes, tivo lugar en Pontevedra o I Encontro de Mulleres Columnistas baixo o título "As mulleres que opinan son perigosas". Nestas dúas xornadas de charlas, debate e postas en común de aspectos afectan a todas as persoas que traballan no ámbito da comunicación pero tamén á poboación en xeral, púxose sobre a mesa aspectos como o teito de cristal, o espazo que ocupan as mulleres nos medios ou as oportunidades destas para escribir opinión.


Rosa Montero, Ana Pardo de Beira, Elisa Beni ou Lucía Taboada son só algúns dos nomes que encabezaron un cartel que reivindicou, especialmente, a figura da muller en igualdade de oportunidades ao home. Un foro pioneiro "na súa especie" que foi ideado por dúas xornalistas galegas, Diana López e Susana Pedreira, quenes participaron como anfitrioas do evento e souberon estar á altura.


A última relatora do congreso, Ana Pardo, lucense e directora de Público, reivindicou a soidade que sente como muller nas cúpulas directivas dos grandes medios de comunicación e engadiu que se o xornalismo non é feminista, non mostrará nunca a realidade da sociedade, xa que "se non ten perspectiva de xénero, non é completo porque omite ao 51% da realidade deste país".


Outra das relatoras que impactou pola seguridade das súas palabras, foi a columnista de La Voz de Galicia, Fernanda Tabarés. Na súa intervención abordou a necesidade dunha educación pública de calidade que free esta nova onda de machismo que se está espertando entre as xeracións máis novas. E fixo fincapé en conservar a "memoria histórica sobre feitos e actitudes machistas que se remontan ao pasado recente".

Ademais, Fernanda Tabarés reivindicou o "dereito" da muller "a ser parva", no sentido de "non estar excelentemente formadas para ter o mesmo dereito ás mesmas oportunidades" que os homes, argumentando que a "carga" que soportan as mulleres é "moi grande", en tanto llas adoitou " a ter que ser as mellores para competir", o que carrexou desenvolver "sentimento de culpa" polo que implica a atención ao traballo ou fillos.


A xornalista na cadea SER e articulista na revista GQ, Lucía Taboada, falou un pouco máis pormenorizadamente sobre o acoso a través de comentarios machistas en redes sociais como Twitter, aínda que engadiu que esa non é a realidade do mundo que nos rodea e que aí non están representados "todos os sectores da sociedade".


Outra das charlas máis polémicas pola súa transparencia e impacto foi a de Celia Blanco, directora do programa 'Contigo Dentro' da Cadena SER, na que defendeu a liberación da muller desde a sexualidade. "Levan anos negándonos sequera o noso propio pracer", criticou Celia, que se definiu como "nai, esposa e amante na mesma proporción, e non sempre nesa orde".

 

Ilustración, discapacidade ou transgresión foron temas que tamén se abordaron nas xornadas, pero outra das nosas favoritas volveu ser Rosa Montero, quen nos cativou unha vez máis co seu saber facer. Falou da invisibilización da muller ao longo da Historia, achegando o dato de que só coñecemos o 7,3% das matemáticas, informáticas, músicas ou pintoras que achegaron coñecemento á nosa civilización. Animou tamén ás novas xeracións a facer un seguimento de loita, porque di que "estamos a subir un chanzo, e iso, na Historia, é moi complicado", pero tamén estamos en risco de perder o gañado. Por iso, cada unha de nós debemos preguntarnos: que facemos para cambiar o mundo?

Pensádeo, a resposta darémola o 8M.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Área de Igualdade