Cookies

Noticias 

© FEI | 20/12/2017 | Momento da clausura de actividades formativas 2017

Acto de clausura das accións formativas de 2017

O pasado 19 de decembro celebrouse o acto de clausura das actividades formativas levadas a cabo pola Fundación Érguete-Integración durante o ano 2017.

20/12/2017 | Vigo

Neste acto, entregáronse os diplomas de sete cursos realizados en Vigo (cabe mencionar que, ademais, se celebraron outros cursos no Centro Penitenciairo de Teixeiro, CIS da Coruña e Concello de Vilaboa) e que a continuación enumeramos:

  • Limpeza de cristais e uso de maquinaria industrial, desenvolvido no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia.
  • Actividades auxiliares en floraría, do Programa INOUT de la Caixa.
  • Limpeza de superficies e inmobles, do Punto Formativo Incorpora.
  • Axudante de restaurante-bar, do Punto Formativo Incorpora.
  • Operacións auxiliares de almacén, do Punto Formativo Incorpora.
  • Dependenta de comercio, Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo.
  • Operador/a de telemarketing, do Proxecto Emprego Inclusivo da Deputación de Pontevedra

Estes cursos supoñen un total de 1.290 horas de formación e neles participaron 115 persoas, entregáronse 105 diplomas, e asináronse convenios con 56 empresas para a realización de prácticas non laborais. A día de hoxe, producíronse 82 insercións laborais, algunhas delas nas empresas de prácticas.

En representación das entidades e administracións promotoras participaron Carmen Avendaño Otero, Presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carlos Rosón Varela, Coordinador do Grupo Incorpora-Galicia, Cristina Veiga González, Directora de Área de Negocio de Caixabank, José Ángel Vázquez Yáñez, Director Centro Penal A Lama, Arturo Parrado Puente, Director Xeral de Inclusión Social-Consellería de Política Social-Xunta de Galicia, Ignacio López-Chaves, Delegado da Xunta de Galicia en Vigo, e clausurou o acto Santos Héctor Rodriguez, Concelleiro da área de Emprego do Concello de Vigo e Deputado Provincial-Deputación de Pontevedra.

Así mesmo, estiveron connosco representantes de entidades sociais e de empresas colaboradoras en prácticas non laborais e en insercións laborais.

O acto de clausura tivo lugar nas instalacións do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita IV, promovido polo Concello de Vigo e subvencionado pola Xunta de Galicia, que elaborou un marabilloso aperitivo cociñado e servido polos alumnos-traballadores das especidalidades de Operacións básicas de cociña e Operacións básicas de restaurante-bar, a quen lles agradecemos a súa colaboración e traballo.

Queremos agradecer tamén a participación neste acto a todas as persoas asistentes de entidades e administracións promotoras, empresas colaboradoras, entidades sociais e docentes, así como ao Centro Cultural e Veciñal de Valadares por cedernos as súas magníficas instalacións e axudarnos coa parte técnica do evento.

Xa por último, felicitar a todo o alumnado polo seu esforzo e logros conseguidos; moitos deles non puideron acudir ao evento porque afortunadamente se atopan traballando. Mandamos ánimos a  todos aqueles que aínda non conseguiron un traballo e transmitirlles que poden seguir contando co noso apoio e axuda.

Felices Festas!

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > FORMACIÓN > Formación Ocupacional