Cookies

Noticias 

© FEI | 08/03/2024 | Mulleres que fixeron historia

A Plataforma Social Calvario une ás entidades e colectivos do barrio nun acto conmemorativo polo 8M

A Fundación Érguete-Integración aproveitou a ocasión para visibilizar o traballo de milleiros de mulleres que, ao longo da historia, fixeron posibles os dereitos dos que desfrutamos hoxe en día.  

08/03/2024

Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, a Plataforma Social Calvario, da que a Fundación Érguete-Integración forma parte, levou a cabo un acto reivindicativo no edificio da sede central da EOI de Vigo.

O grupo, formado por trece entidades do barrio, elaborou un mural conxunto para poñer en valor a forza de todas esas mulleres que loitan a diario por acadar unha igualdade real. Ademais, representantes dos colectivos presentes leron un manifesto reivindicando os dereitos acadados ata o de agora, mais tamén en protesta por todo o camiño que queda por andar. Elas foron as encargadas de dar voz a tódalas mulleres que continúan a sufrir a desigualdade e a discriminación:  mulleres traballadoras, mulleres privadas de liberdade, mulleres con discapacidade, mulleres xitanas, mulleres maiores, mulleres migrantes...

A Fundación Érguete-Integración aproveitou tamén a ocasión para visibilizar a todas as que, coa súa labor ao longo da historia, abriron o camiño que hoxe nos permite desfrutar, cando menos sobre o papel, dos mesmos dereitos que os homes. Mulleres de tódalas épocas, lugares e ámbitos que, a pesar de ter traballado polo progreso da humanidade, non son case nunca recoñecidas polos libros. Mulleres que fixeron, fan e farán historia.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Área de Igualdade