Cookies

Noticias 

© FEI | 09/11/2016 | Servicio Solidario IN-OUT A Coruña

Clausura do Proxecto IN-OUTde A Coruña

Obra Social "la Caixa" e Fundación Érguete - Integración apoian a integración laboral de persoas privadas de liberdade a través do Programa Reincorpora.

09/11/2016 | A Coruña

Hoxe clausúrase o proxecto InOut do Programa Reincorpora desenvolvido este ano, nun acto celebrado no Centro de Inserción Social "Carmela Arias e Díaz de Rábago", ás 12:00 horas, coa presenza de José Carlos Cobas (Director de área de CaixaBank), Silvia Camean Calvete (Concelleira Servizos sociais, Educación e Sanidade do Concello da Coruña), Carlos Rosón Varela (Coordinador Incorpora Galicia, de IGAXES-3), Miguel Angel Rodriguez Montero (Director do Centro de Inserción Social), Carlos Coello Otero (Subdirector de Tratamento do Centro Penal de Teixeiro), e Carmen Avendaño Otero (Presidenta de Fundación Érguete-Integración). Tamén participan como convidados representantes da Institución Benéfico Social Pai Rubinos, Eulen e empresas nas que realizaron prácticas os participantes.

A Fundación Érguete - Integración colabora co Programa Reincorpora da Obra Social ?a Caixa? desde 2011. Durante este ano realizouse un itinerario de inserción sociolaboral IN OUT no Centro Penal de Teixeiro, cunha finalidade clara: fomentar e favorecer a integración laboral das persoas privadas de liberdade.

A duración foi de 10 meses de intervención, en dúas fases:

  • FASE IN, formación e posicionamento ante o emprego no interior: 4 meses no Centro Penal de Teixeiro (Curtis), Curso de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, 230 horas.
  • FASE OUT, Programa Reincorpora: 6 meses no Centro de Inserción Social "Carmela Arias e Díaz de Rábago" (A Coruña), Curso de Operacións básicas de pisos en aloxamentos, 170 horas; a formación práctica realizouse nas instalacións da Institución Benéfico Social Pai Rubinos, coa que se asinou un convenio de colaboración, e a formación teórica impartiuna Eulen.

Finalmente, realizaron prácticas non laborais en empresas, o servizo solidario e iniciaron a súa procura activa de emprego.

O servizo solidario, "Diversión sustentable", consistiu na organización de dous puntos informativos, coa colaboración da Oficina de Voluntariado da Universidade da Coruña e o Concello, os días 21 e 22 de xuño, onde os participantes sensibilizaron ás persoas que pasaban por eles sobre o exceso de residuos arroxados nas praias durante a celebración das fogueiras de San Juan, a noite do 23 de xuño. Para unha mellor visibilización destes puntos, o servizo foi incluído na campaña de sensibilización ambiental #Móllate.

Os beneficiarios que finalizaron o itinerario pasan a formar parte do Programa Incorpora, onde se lles realiza un seguimento do seu proceso de inserción sen límite de tempo. Neste momento 5 xa alcanzaron o obxectivo da súa incorporación laboral.

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > PROGRAMAS > Reincorpora