Cookies

Noticias 

© CC | 23/04/2020 | P.L.Travers

P. L. Travers, a escritora e xornalista que despuntou con Mary Poppins

9 de agosto de 1899 en Queensland, Australia - 23 de abril de 1996 en Londres, Inglaterra

23/04/2020 | Australia

Pamela Lyndon Travers naceu en Australia en agosto de 1899 co nome de Helen Lyndon Goff, pero con 17 anos decidiu cambiarse o nome, tomando como apelido o nome do seu pai, Travers, quen morrera 10 anos antes. Ademais, como escritora decidiu empregar o pseudónimo P. L. Travers.

Xa de moza, escribiu poemas que foron publicados en diferentes medios, e comezou a súa carreira como actriz, na que consegiu un relativo éxito. Pouco despois arrancou a súa etapa como xornalista e o seu desexo por coñecer mundo levouna ata Inglaterra. Dende alí, escribiu artigos sobre viaxes e artes, que enviaba a diversos medios de Australia e Nova Zelandia. Tralo comezo da II Guerra Mundial comezou a traballar co Ministerio de Información británico, e foi enviada a Estados Unidos.

Travers escribiu artigos, biografías, libros de viaxe e varias novelas, pero o seu maior éxito foi Mary Poppins, da que fixo varias secuelas entre 1934 e 1988. Este libro é obxecto de numerosos estudos que reflexionan sobre a clave do seu éxito. Este libro mestura fantasía e realidade, referencias aos estudios de Travers sobre folclore, mitos e lendas (temas nos que estaba moi interesada e indagou moito), e aspectos da súa propia vida.

O éxito deste libro disparouse cando Walt Disney propuxo levalo ao cine. Ela resistiuse durante anos, entre outras cousas porque non quería que se levase a cabo como cine animado, pero finalmente accedeu coa condición de ser asesora do guión. Fixeron falla varios anos ata completar a película, debido aos desacordos entre Travers e os guionistas de Disney, pero finalmente saíu á luz en 1964.

Mary Poppins pode considerarse un personaxe feminista, xa que a autora deu por sentada a igualdade de dereitos entre mulleres e homes e presenta á aia como unha persoa que "actúa de maneira extraordinariamente libre e sen depender de ningún varón". 

Entre os enfrentamentos entre Disney e Travers na elaboración do guión estivo o papel da nai da familia coidada por Mary Poppins. O equipo de Disney consideraba que non se entendería por que a nai non pasaba tempo cos seus fillos, polo que decidiron "convertila nunha muller sufragista que deixaba aos seus fillos ao coidado dunha aia para poder loitar polos dereitos femininos".

Pese a todo, e pese a que gracias a esta película tivo unha vida acomodada, a escritora non quedou totalmente satisfeita co resultado final, que consideraba demasiado edulcorado. A historia tamén foi adaptada ao teatro e máis recentemente fíxose unha nova película sobre o proceso creativo feito por Disney e Travers para adaptar o libro ao cine.

Travers foi unha persoa enigmática e chea de contradiccións, definida moi exhaustivamente por Patricia Gosálvez en El País: Travers fue tamén unha muller de contrastes: esotérica, testaruda, bisexual, guasona, depresiva e  fabulosa". A escritora faleceu en Londres o 23 de abril de 1996, con 96 anos de idade.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia