Cookies

Noticias 

© FEI | 13/10/2020 | Fin do taller da e-Administración ao teu alcance

O taller 'A e-Administración ao teu alcance' chega ao seu fin tras formar a unha treintena de mulleres

O obxectivo é facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres

13/10/2020 | Vigo

Este martes celébrase a derradeira sesión do taller A e-Administración ao teu alcance, unha actividade na que se formaron máis dunha treintena de mulleres entre os meses de setembro e outubro. Esta formación foi posta en marcha polo Ciber Emprego da Fundación Érguete-Integración en colaboración coa Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.

A iniciativa consiste en talleres de tres horas de duración nun único día. O obxectivo é facilitar ás participantes a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía. Así, búscase que saiban identificar as principais vías de acceso a servizos de administración electrónica, que obteñan a acreditación dixital persoal necesaria para acceder á e-Administración e que coñecezan os trámites que se poden resolver por vía dixital.

Inicialmente estaba previsto realizar tres destes talleres, sen embargo, debido á demanda de participación engadiuse unha nova data ás anteriormente previstas. Desta forma, as sesións celebráronse os días 29 de setembro e 6, 8 e 13 de outubro, sendo hoxe a derradeira sesión.

Esta iniciativa está dirixida a mulleres desempregadas ou traballadoras que necesiten formación específica para acceder aos servizos de administración electrónica e cobra especial relevancia nestes tempos de Covid-19 nos que a presenza dixital está gañando relevancia. Esta acción vai acompañada tamén da elaboración dunha guía de recursos de igualdade e prevención de violencia de xénero e a presentación da mesma ás participantes para a súa correcta utilización.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > ASESORAMENTO PARA O EMPREGO > Ciber Emprego