Cookies

Noticias 

O movemento sufraxista británico con Emmeline Pankhurst

Emmeline Pankhurst naceu hai 163 anos, época na que as mulleres non tiñan o mesmo dereito ao voto que os homes. O seu obxectivo foi loitar por esa liberación

07/07/2021

Nada como Emmeline Goulden en Manchester, Inglaterra, en xullo de 1858. Filla do abolicionista Robert Goulden e a feminista Sophia Crane, foi unha das fundadoras do movemento sufraxista británico. O seu nome, antes que outro, está vencellado á loita pola liberación da muller no período que precedeu á primeira guerra mundial.


En 1889, Pankhurst fundou a Women's Franchise League (Liga pola Liberación das Mulleres), pero a súa campaña viuse interrompida polo falecemento do seu esposo no 1898. En 1903 fundou a Women's Social and Political Union (Unión Social e Política de Mulleres), unha organización máis coñecida pola calidade dos seus militantes. A súa forma de levar a campaña sufraxista non era ben vista por todos, provocando algunha disensión no movemento. A súa autobiografía My own Story (A miña Historia), foi publicada en 1914.


As tácticas adoptadas por Pankhurst para chamar a atención sobre o movemento levárona a que fose encarcerada varias veces, mais debido a súa orixe de clase burguesa non tivo que soportar as mesmas privacións cas sufraxistas pertencentes ás clases traballadoras. En setembro de 1914 estourou a primeira guerra mundial, mais Emmeline coidou que non debía interferir nos esforzos de guerra do país. O Rei Jorge V aministiu ás sufraxistas e encargou a Pankhurst o reclutamento e a organización das mulleres para substituir, nos respectivos postos de traballo, aos homes que debían ir á fronte.


Xa co remate da Gran Guerra, o 28 de maio de 1917 foi aprobada a lei do sufraxio femenino por 364 votos a favor e 22 en contra, casi como contraprestación polos servizos prestados durante a guerra, tras 2.588 peticións presentadas ao Parlamento. As mulleres inglesas tiveron que agardar outros 10 anos a que as condicións para o seu dereito ao voto foran idénticas á dos varóns, xa que na primeira lei só podían votar as mulleres maiores de 30 anos. Deste xeito, 10 anos máis tarde, igualouse a 21 a idade tanto para homes como para mulleres para votar e ser votadas. Emmeline Pankhurst faleceu con 69 anos de idade, dez anos despois de ver, con fruición, o seu maior desexo cumprido.

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia