Cookies

Noticias 

bell hooks, unha lectura recomendada

18/07/2022

En decembro do 2021 morría bell hooks, unha das pensadoras feministas afroamericanas máis influentes e admiradas das últimas décadas.

Foi pioneira do enfoque interseccional, pois para hooks non só debemos acabar co patriarcado, senón tamén coa explotación capitalista e a discriminación racial; pois todos eles perpetúan opresión e dominación.

Gloria Jean Watkins naceu nun pequeno pobo de Kentucky cando a segregación racial estaba plenamente vixente nos Estados Unidos. De nena estudou nun colexio segregado, pero garda un gran recordo das súas mestras negras, das que recibiu unha mensaxe de empoderamento; para ela a verdadeira segregación viviuna na secundaria, a pesar de xa estudar nunha escola “integrada”, pois a maioría do profesorado e estudantado era branco e alí todo se articulaba, segundo comenta nalgunha das súas obras, para que te sentises inferior. Acabo licenciándose na universidade de Stanford, onde empezou a facerse chamar bell hooks, que era o nome da súa bisavoa materna, pero escribíao en minúscula para diferenciarse dela, e para destacar a súa obra/ as súas ideas non a súa persoa.

A súa obra confórmana máis de 30 títulos, tanto ensaios, poesía como libros infantís. Foi profesora case toda a súa vida, ensinando en Stanford, Yale ou a Universidade da Cidade de Nova York (Cuny), e nos seus últimos anos regresou a ensinar nunha universidade do Estado onde naceu, Kentucky, onde faleceu.

Desde a área de igualdade da Fundación Érguete-Integración queremos destacar algunhas das ideas claves que nos transmite o pensamento de bell hooks, e que compartimos:

1. A importancia de profundar no pensamento feminista, non quedar na superficie.
2. Debemos loitar por transformar o sistema vixente e acabar co patriarcado.
3. É importante a conciencia feminista por parte dos homes e que deixen de colaborar co patriarcado.
4. Non debemos de esquecernos de loitar contra os privilexios de raza e clase.
5. Debemos primeiro deconstruirnos, analizar a socialización de xénero que sufrimos.
6. É fundamental un sistema educativo impregnado de feminismo.
 

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia