Cookies

Noticias 

© newn.cam.ac.uk | 24/01/2022 | Mary Beard, Académica inglesa especializada en estudos clásicos

Mary Beard, a historiadora que che permite viaxar á antiga Roma

Académica inglesa especializada en estudos clásicos.

24/01/2022

Winifred Mary Beard naceu en Much Wenlock, Reino Unido, o 1 de xaneiro de 1955. Catedrática de Estudos Clásicos na Universidade de Cambridge e membro do Newnham College desde 1984, é unha das especialistas sobre a Antigüedad máis relevantes e unha das intelectuais británicas máis influentes. É autora de máis de quince obras sobre temática clásica, entre as que destacan Pompeya. Historia e lenda dunha cidade romana, SPQR, Mulleres e poder,….e a súa última obra publicada é Doce Césares.

Se hoxe en día coñecemos mellor como viviron as mulleres na Roma Antiga e miramos a historia con outra perspectiva é, en parte, grazas a ela. Ao comprobar que moitos dos seus compañeiros de universidade cuestionaban o potencial académico das mulleres, Beard sentiu aínda máis motivación para seguir adiante, adoptando un punto de vista feminista que foi, segundo declarou, moi importante na súa vida, pois, segundo as súas palabras “de verdade non podo comprender o que sería ser unha muller sen ser unha feminista”

Mary Beard é unha feminista comprometida, e no 2017 publico Mulleres e poder. Un manifesto. Esta obra mostra como a historia tratou ás mulleres e aos personaxes femininos (Penélope, Medusa,…) e como esta realidade segue producíndose na actualidade, e móstranos como son tratadas as mulleres no poder como Hillary Clinton ou Angela Merkel.

Un dos seus obxectivos foi aproximar a Historia ao conxunto da cidadanía, así como destacar a súa importancia no currículo educativo; para ela debería ser unha actividade comunal e compartida onde todo o mundo puidese participar, pois para ela poñer un ollo no pasado axúdanos a ter un punto de vista máis sofisticado e sutil; temos que poñernos en contexto se queremos mirar cara a adiante. Segundo palabras súas: “a historia non é simplemente sobre o pasado. Como conversación entre o presente e o pasado, ten tanto que ver connosco. Agora ben, non quero dicir con isto que podemos aprender leccións directamente da historia (a historia non é un libro de respostas aos problemas actuais). Pero si nos ensina acerca de nós mesmas/os, desafiando as nosas certezas culturais e abrindo os nosos ollos a distintas perspectivas. E alenta unha certa humildade cultural”. Estas palabras foron pronunciadas por Mary Beard no seu discurso de recepción do Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais no 2016.

Precisamente na consecución de achegar a historia á cidadanía temos que destacar a súa faceta divulgadora, pois realizou numerosos documentais así como participou en programas radiofónicos da BBC para falar sobre o mundo antigo; polo que é considerada a maior especialista da cultura romana de Inglaterra.
 

Arquivada en:
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia