Cookies

Noticias 

© medium.com | 11/06/2019 | Autorretrato de Julia Margaret Cameron

Julia Margaret Cameron, unha nova visión da fotografía como experiencia artística

11/06/2019

Julia naceu en Calcuta o 11 de xuño 1815, época na que India aínda era territorio británico. Descendente dunha familia acomodada, tiña dez irmáns, o seu pai era oficial e por parte de nai tiña ascendencia da aristocracia francesa. Esta circunstancia permitiulle realizar os seus estudos entre Francia e Gran Bretaña.


A súa carreira como fotógrafa é bastante atípica, pois comeza tarde. Tras os seus anos de estudos, ao regresar á India coñece ao seu marido, un xurista e plantador de té 20 anos maior que ela. Ata que ela cumpriu os 33 anos viviron en India, para despois trasladarse toda a familia, que incluía 6 fillos biolóxicos e outros adoptados. Acabarían vivindo na illa de Wight, situada na costa sur fronte á cidade de Southampton (Gran Bretaña).


A súa casa converteuse nun fervedoiro de vida e cultura, non só pola numerosa familia que a habitaba, senón tamén porque por ela pasaban poetas, artistas e científicos da época  victoriana.

 

O agasallo que cambiaría a súa vida

A vida de Julia Margaret Cameron cambiaría con 48 anos, cando a súa filla maior decide regalarlle unha cámara fotográfica, no nadal de 1963, para axudala a paliar a soidade que sufría durante as viaxes do seu marido.


Pronto empezou a dedicar gran parte do seu tempo á fotografía, que se converteu na súa gran paixón e que chegou á súa vida como unha revelación. Comezou a realizar retratos, as súas obras máis numerosas, a familiares, veciños, amigos… cos que ía practicando e experimentando. Converteu un recuncho da súa casa nun cuarto escuro, creou un estudo… pronto era toda unha profesional que tamén foi moi recoñecida polas súas obras de temática relixiosa.

 

Partindo desde cero nela, destaca a visión da fotografía como unha arte co que experimentou e ao que deu unha nova dimensión. Para ela non era só gravar un momento, senón que era unha maneira de percibir a realidade. A súa sensibilidade, o seu sentido da estética e o tempo dedicado a experimentar levárona a construír unha gran obra que se pode considerar como un estudo da beleza na época. A súa obra ten un estilo melancólico, etéreo, coa alegoría como protagonista e unha forma de unir técnica e beleza, lográndoa mesmo nas imperfeccións.


A súa concepción da fotografía como expresión artística é un dos alicerces para a forma que temos na actualidade de comprender a fotografía.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia