Cookies

Noticias 

© RTVE | 21/12/2018 | Alicia Alonso, icona cultural cubana.

Alicia Alonso, a lendaria bailarina que revolucionou o mundo do ballet

21/12/2018

Nada na Habana o 21 de decembro de 1921, dende moi pequena sentiu a chamada da danza e con tan só 9 anos comezou a formarse na Sociedad Pro-Arte Musical da súa cidade, iniciando unha carreira chea de triunfos que a encumbraría como referente artística a nivel internacional.

Pouco tempo despois de iniciar a súa formación tivo que trasladarse a Estados Unidos onde a continuaría na School of American Ballet. Sería aquí, cara ao ano 1938, cando chegaría o debut profesional en musicais como Great Lady.


O seu estilo, talento e dedicación convenceron aos seus mestres, compañeiras, compañeiros e público e permitiron que fora ascendendo nas súas metas laborais. Así, no ano 1940 pasou a formar parte do American Ballet Theatre, momento que marcaría o inicio do seu período máis destacable como bailarina.


Nesta etapa interpretou o papel protagonista de obras tan salientables como Fall Riverr Legend ou Theme and Variations; e como parte de esta compañía percorreu Europa e América como prima ballerina.


A pesar de traballar nos Estadou Unidos, nunca esqueceu as súas raíces e en 1946 fundou xunto aos seus irmáns o Ballet Alicia Alonso, hoxe Ballet Nacional de Cuba, a primeira compañía profesional de ballet do país. Nos anos seguintes compaxinou esta labor coa de bailarina co American Ballet Theatre.

 

Símbolo e lenda da cultura cubana
Grazas ao seu estilo persoal e ao duro traballo que realizou durante toda a súa carreira, Alicia Alonso é hoxe unha das cubanas máis relevantes do panorama internacional. Durante anos realizou xiras por todo o mundo e actuou como invitada nos principais  Ballets de cidades como Tokio, París o Moscú.


Especialmente recordadas son as súas versións de clásicos como Giselle, papel que a marcou e polo que é máis recordada. Pero moitas outras das súas coreografías son aínda hoxe referencia e bailadas en grandes compañías.


Na súa Cuba natal é toda unha figura da vida cultural e tanto alí, como fora das súas fronteiras, recibiu numerosos recoñecementos e homenaxes. En 1973 recibiu o doutorado Honoris Causa en Arte da Universidade de La Habana e en 1987 o doutorado Honoris Causa en Arte Danzario do Instituto Superior de Arte de Cuba. Foi proclamada ‘Heroína Nacional del Trabajo’, e é membro do ‘Consejo Mundial de la Paz’.


Ademais, en 1980 foi homenaxeada en París pola UNESCO, da que é embaixadora de Boa Vontade, entre outras mencións.


A día de hoxe, aínda que retirada dos escenarios desde 1995, continúa sendo a directora do Ballet Nacional de Cuba, a compañía que fundou, e segue agrandando a súa lenda como bailarina e icona cultural e social.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia