Noticias
© jotdown.es | 14/10/2019 | Imaxe da fotógrafa Cristina García
Unha ollada á única persoa española membro da Axencia Magnum: Cristina García Rodero
Este luns 14 de outubro celebramos o aniversario dunha fotógrafa que xa é parte da historia artística española
14/10/2019 | Vigo
Nacida o 14 de outubro de 1949 en Puertollano, Ciudad Real, Cristina amosou dende moi pequena o gusto pola arte e as súas diferentes vertentes. Nena creativa e inquieta, lembra como se interesou pola fotografía ao ver o feliz que era o seu pai tomando fotografías da súa familia.
Non obstante, a finais dos anos 60 decidiu estudar pintura e licenciouse en Belas Artes na Universidad Complutense de Madrid. Neste contexto universitario vai entrando máis en contacto coa fotografía, á que xa lle dedicara tempo na súa adolescencia con algúns primeiros traballos. De feito irá compaxinando a súa actividade como profesora de fotografía na Facultade de Belas Artes co seu traballo como fotógrafa.
Sen deixar esa faceta docente, no seu tempo libre, fines de semana e vacacións realizou, durante anos un estudo sobre as tradicións, festas populares e ritos da sociedade española durante 15 anos que tería como froito o traballo “España oculta” en 1989. Este tivo unha gran acollida e reportoulle moitos premios, algúns tan destacados como o da Fundación Eugene Smith de Nova York.
A curiosidade por outras culturas
Unha das constantes na obra fotográfica de Cristina é, sen dubida, a curiosidade. É esta a que a leva a embarcarse en numerosas viaxes, para coñecer e retratar outras culturas dando como resultado fotografías que conxugan un gran valor documental coa creatividade e sensibilidade que a caracterizan.
Cristina consegue transmitir ideas, sensacións e emocións sen caer no exhibicionismo. Para ela viaxar é unha forma de auto descubrimento que ten que facer soa, e as imaxes que toman son un tesouro persoal que definen esa experiencia e á persoa como tal.
Entre os numerosos lugares que visitou e retratou están Venezuela, a India, Haití, Georgia... En todos eles empápase da cultura e a tradición, facendo un maior fincapé na situación e loita da muller. Así compaxina historias duras, de loita pola liberdade e sufrimento con outras máis alegres, de paixón e desfrute. Algunhas destas viaxes foron en colaboración con outros organismos. Por exemplo, a UNESCO e Médicos sen Fronteiras quixeron contar con ela para retratar a súa actividade polo mundo.
Os recoñecementos foron e seguen sendo unha constante na vida de Cristina García Rodero. Por nomear algúns recibiu o World Press Photo na categoría de arte, en 1993; Premio Nacional de fotografía del Ministerio de Cultura en Madrid; Premio Planeta de Fotografía polo conxunto da súa obra ou a Medalla de Oro ao Mérito de las Belas Artes en 2005. Ademais, neste mesmo ano pasou a formar parte da Axencia Magnum Photo, da que foi admitida como socia en 2009. Segue a ser, a día de hoxe, a única persoa española e a cuarta muller en formar parte desta axencia.
Estamos, por tanto, ante unha muller que, fóra de todos estes premios, realizou unha obra fundamental como testemuña da vida en España durante a segunda metade do século XX.
Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia