Cookies

Noticias 

© culturagalega.gal | 06/08/2020 | Antonia Ferrín Moreiras

Antonia Ferrín Moreiras, galega astrónoma, matemática, profesora e investigadora incansable

13 de maio de 1914 en Ourense - 6 de agosto de 2009 en Santiago de Compostela

06/08/2020 | Ourense

Antonia Ferrín Moreiras foi a primeira muller astrónoma de España e a primeira muller española en defender unha tese sobre astronomía. Quitou tres carreiras de ciencias e exerceu como profesora e investigadora.

Nada en Ourense o 13 de maio de 1914 no seo dunha familia culta pero humilde, con tan só 16 anos comezou a carreira de química. Así, en 1935 conseguíu licenciarse pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e quitou o título de Mestra Nacional. Axiña tras rematar a carreira, exerceu como profesora axudante de prácticas dalgunhas asignaturas da universidade e como axudante interina do departamento de ciencias do Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago.

Comezou ademais a estudar farmacia e dous cursos de ciencias exactas (os únicos que se impartían na USC), pero co estalido da Guerra Civil a universidade paralizou a súa actividade. Así mesmo, a raíz dunha denuncia anónima, en 1937 foi sancionada por motivos políticos coa inhabilitación para o desenvolvemento de cargos directivos e de confianza, e foi apartada da docencia. Ela, sen embargo, considerouno una cuestión de discriminación máis que de represalia, xa que puido seguir ensinando nun colegio de nenas orfas.

Trala Guerra Civil, en 1940 foi rehabilitada e inmediatamente incorporouse ao seu posto docente da facultade de ciencias e ese mesmo ano licenciouse en farmacia. Co fundador do Observatorio Astronómico da USC, Ramón María Aller, introdúxose no mundo da astronomía e comezou a facer investigacións, cuxos resultados chegou a publicar.

En 1950 licenciouse en ciencias exactas na Universidade Central de Madrid (actualmente, Universidade Complutense) e conseguíu unha beca para investigar no Observatorio Astronómico da USC. Uns anos máis tarde foi nomeada a primeira profesora da sección de matemáticas da Facultade de Ciencias da USC e en 1963 doutorouse coa primeira tese de astronomía defendida por unha muller en España.

Ademais de profesora na USC, foi nomeada catedrática de matemáticas nunha escola de Madrid e exerceu como docente na Universidade Complutense. Faleceu o 6 de agosto de 2009 en Santiago de Compostela, sendo a primeira muller en realizar traballos de investigación en astronomía e en defender unha tese doutoral neste eido no territorio nacional.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia