Cookies

Noticias 

© FEI | 20/05/2019 | Logo conmemorativo 20 aniversario

A Fundación Érguete-Integración celebra o seu XX Aniversario coa Xornada '20 anos traballando coas persoas'

O evento terá lugar o xoves 20 de xuño no Salón de Actos do Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) de Vigo

20/05/2019 | Vigo

O día 4 de novembro de 1999 constituíase a Fundación Érguete-Integración, que nacía co obxectivo de traballar para que as persoas en risco ou situación de exclusión social conseguisen unha plena inserción sociolaboral. Para festexar os seus 20 anos de historia, a entidade celebrará un evento conmemorativo o vindeiro mes.


O acto terá lugar o xoves 20 de xuño, a partir das 09:30 horas, no Museo de Arte Contemporáneo (MARCO) de Vigo e estará conducido por Iván Olmos Ferreiro, campión mundial de discursos en español (2018).


A presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño, será a encargada de inaugurar a xornada “20 anos traballando coas persoas” e dar comezo á sesión da mañá, que inclúe dúas mesas redondas e dúas ponencias. A primeira leva por título O traballo como mecanismo de integración e será un encontro con representantes de entidades sociais invitadas.


A continuación as persoas asistentes poderán desfrutar da intervención de Jaume Farré Cortadellas, director de Programas Sociales – Fundación “la Caixa”, que falará sobre O papel das Entidades Sociais coma potenciadoras da inserción laboral.


Tras a pausa para o café será a quenda da mesa redonda Boas prácticas sociais nas empresas. Desta volta serán representantes do sector empresarial os que debaterán sobre a vertente máis social da actividade das súas empresas. E a sesión da mañá pecharase coa ponencia A xestión da idade. Pondo en valor o talento Sénior na era da lonxevidade, a cargo de Laura Rosillo Cascante de Talento Cooldys.


Xa pola tarde, a partir das 17 horas, continuará o programa coa mesa redonda A intervención e o traballo social desde o punto de vista dos usuarios e usuarias, na que persoas usuarias da Fundación terán a oportunidade de compartir a súa experiencia. De seguido terá lugar a ponencia 20 anos de historias con Carmen Avendaño Otero. Presidenta da Fundación Érguete – Integración; Juan A. González Pérez, director ata 2015 da entidade e Ana Mª Álvarez Franco, actual directora da Fundación. Cara ás 18:15 horas o escritor e contacontos Miguel Ángel Alonso Diz impartirá o taller A Poesía como ferramenta de superación.


Para rematar a xornada, haberá unha representación musical do Grupo EN-CÁNTAME, que naceu do taller de Musicoterapia do Programa Sísifo da Fundación.


Tras a actuación, arredor das 19 horas, o acto será clausurado polo Alcalde do Concello de Vigo.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias