Cookies

Noticias 

© FEI | 26/04/2019 | Pablo Rodal instrúe a alumnado del Curso de hostelería

Pablo Rodal, de The Othilio Bar en Vigo, instrúe ao alumnado do curso de Auxiliar de Restaurante-Bar da Fundación Érguete-Integración

26/04/2019 | Vigo

O pasado 20 de marzo daba comezo na sede de Vigo da Fundación Érguete-Integración o curso de Auxiliar de Restaurante-Bar que, cunha duración de 300 horas, busca ofrecer a persoas desempregadas con interese no sector da hostalería unha completa formación que inclúe prácticas non laborais en empresa.


O alumnado do curso realizará a próxima semana a formación para obter o carné de manipulador de alimentos. Antes diso, esta semana, nunha das últimas xornadas das sesións teóricas impartidas nas nosas instalacións previas ao comezo do período de prácticas en maio, tiveron dúas visitas moi especiais.

 

A visión de dúas persoas traballadoras da hostalería
Primeiro o alumnado tivo a oportunidade de gozar dunha charla de Pablo Rodal quen, xunto ao seu irmán xemelgo Carlos, rexenta o recoñecido local The Othilio Bar na cidade olívica. Trátase dun restaurante que destaca polo seu gran nivel culinario, a súa atención ao cliente e a experiencia gastronómica que ofrecen ao cliente.


Durante esta sesión Pablo Roldan quixo dar a súa visión, a de alguén que leva anos no negocio e no sector, sobre o traballo no mundo da hostalería. Tamén lles resultou especialmente interesante poder escoitar de boca de alguén que leva anos contratando a xente, que é o que se busca das persoas traballadoras e cales son as esixencias dos postos de traballo que esperan desempeñar no futuro.


A mañá completouse coa visita de Ana González, quen leva anos desenvolvendo a súa carreira profesional como camareira e que tamén lles falou sobre a súa experiencia como traballadora da hostalería. Desta maneira, tiveron dous puntos de vista complementarios sobre un sector que sempre está en movemento e no que se están formando para preparar a súa futura inserción no mercado laboral.


Esta formación non é a única que se impulsa desde a Fundación Érguete-Integración nestes momentos. A formación e a inserción laboral das persoas é a nosa razón de ser e por iso tamén impulsamos outro curso similar, que esta vez impartirase en Nigrán como parte do Programa Emprego Inclusivo da Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello de Nigrán. Ademais, o día 13 de maio comeza o Curso de Auxiliar de Loxística. Para máis información, poden contactar a través do 986253176.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > FORMACIÓN > Punto de Formación Incorpora