Cookies

Noticias 

© Gillfoto | 26/03/2020 | Lella Lombardi

Lella Lombardi, a pilota que puntuou na Fórmula 1

26 de marzo de 1941 en Frugarolo, Italia - 3 de marzo de 1992 en Milán, Italia

26/03/2020 | Italia

Lella Lombardi (Maria Grazia Lombardi) é unha das cinco mulleres na historia da Fórmula 1 que participaron nesta competición deportiva internacional. Ademais, é a primeira e única muller que ata agora puntuou en dito campeonato.

Esta pilota de nacionalidade italiana, naceu o 26 de marzo de 1941 en Frugarolo, unha localidade de apenas 2.000 habitantes da rexión italiana de Piamonte.

Conseguiu labrarse un nome no mundo do automóbil, pese ás consideracións da época, entre as que destaca unha cita atribuida a Henry Ford, na que aludía á suposta incapacidade das mulleres de soportar tanta forza G como os pilotos masculinos.

En total, cinco mulleres fixéronse un oco na historia da Fórmula 1 dende o nacemento do campionato en 1950: María Teresa de Filippis, en 1958; Lella Lombardi, en 1975; Divina Galica, en 1976; Desiré Wilson, en 1980; é Giovanna Amati, en 1992.

Lella Lombardi participou en categorías inferiores ata que logrou facer o seu debut na Fórmula 1 o 20 de xullo de 1974 no Gran Premio de Gran Bretaña, onde non se clasificou. Volveu intentalo un ano máis tarde, conseguindo con éxito clasificarse nesta disciplina automobilística, considerada coma unha das máis esixentes.

O seu maior fito conseguíuno no Gran Premio de España, en 1975, cando quedou na sexta posición e obtivo 0,5 puntos. Naquel ano, dita posición houbera suposto normalmente 1 punto (o sistema de puntuación variou ao longo dos anos), pero a carreira española presentou diversos problemas técnicos e un accidente polo que faleceron cinco espectadores, polo que se acortou a proba e se recortaron os puntos.

É desta forma que Lombardi non é só a única pilota que logrou puntuar nunha competición oficial da categoría, senón que tamén ten o récord de ter conseguido a puntuación máis baixa distinta a cero.

En total, Lombardi participou en 17 Grandes Premios, antes de retirarse da Fórmula 1 en 1976, sendo Austria o país no que disputou a súa última carreira. Posteriormente, seguiu correndo noutras competicións de automobilismo, como a carreira francesa de resistencia 24 Horas de Le Mans e as carreiras de Nascar en Estados Unidos.

Lombardi faleceu por un cáncer o 3 de marzo de 1992 en Milán. Estaba a piques de cumprir 51 anos.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia