Cookies

Noticias 

© amazon.com | 25/04/2019 |

Manal al-Sharif, símbolo da loita polos dereitos das mulleres en Arabia Saudí

25/04/2019

Nada o 25 de abril de 1979 en A Meca, Arabia Saudí, Manal al-Sharif tivo una infancia dura e estricta na que recibiu unha educación moi relixiosa e adoctrinante que quería facer dela unha muller sumisa, que acatara as normas que se lle impoñen ás mulleres no país. Alí a situación das mulleres é especialmente preocupante: necesitan a supervisión dun titor varón para estudar, traballar ou abrir una conta bancaria e ata o ano pasado non podían conducir.

 

A pesar de terse achegado ao islamismo máis radical durante a súa adolescencia; cando accedeu á universidade, para estudar enxeñería informática, a súa visión do mundo e das cousas cambiou co acceso a internet.


Pero non sería ata anos despois cando de xeito accidental se convertería nunha activista e un símbolo na loita polos dereitos das mulleres en Arabia Saudí.

 

Campaña polo dereito da muller a conducir
Ata o ano 2018 Arabia Saudí era o único país do mundo no que as mulleres tiñan prohibido conducir. Manal, como moitas mulleres, non tiña máis remedio que protestar en privado e acatar as leis en público. Sen embargo, un día fartouse. Unha noite de abril de 2011 trataba de coller un taxi para volver a casa tras ir ao médico. Pero non era capaz e un condutor a atemorizou. Foi nese momento cando, inspirada polas revoltas da primavera árabe que axudaron a impulsar reivindicacións feministas, decidiu facer algo.


E así foi. Lanzou a campaña Women2drive en Facebook e animou ás mulleres do país a conducir un coche o 17 de xuño. E ela mesma o fixo e subiu o vídeo a Youtube. Pero seguro que non esperaba o rebumbio que ía causar. O vídeo recibiu millóns de visitas en pouco máis de 24 horas. E aínda que as autoridades intentaron censuralo e ela foi detida, non foron quen de parar a corrente en favor dos dereitos da muller e ela finalmente foi liberada. Non obstante, a súa familia e ela tiveron que sufrir as consecuencias con calumnias, ameazas, ela tivo que deixar o seu emprego, etc. Finalmente abandonaría o país, e vive actualmente en Dubái, aínda que volve con asiduidade.

 

Este feito non só lle deu fama internacional, senón que a converteu nun dos símbolos da loita feminista en todo o mundo, chegando a ser elixida pola Revista Time como unha das 100 personalidades máis influentes.


Grazas a ela, e a todas as mulleres que se enfrontaron a esta prohibición a pesar da ameaza de ser privadas de liberdade e que antes sufriran represalias, por fin as mulleres xa poden conducir en Arabia Saudí dende 2018.


Por suposto, queda moito por lograr, e Manal al-Sharif continúa a súa actividade en prol dos dereitos da muller. Dende entón ten dado numerosas entrevistas denunciando a situación da muller no seu país, como é tratada como un ser inferior, sen poder decidir sobre as súa vida.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia