Cookies

Noticias 

© FEI | 01/04/2016 | Momento da intervención da nosa presidenta Carmen Avendaño Otero

Presentación das páxinas web de entidades sociais desenvolvidas no programa MÁIS SOCIAL CONECTA

O pasado 1 de abril tivo lugar, na sé da Fundación Barrié en Vigo, a presentación de 24 páxinas web de entidades do terceiro sector, entre as que se atopa a nosa, desenvolvidas no marco do programa MÁIS SOCIAL CONECTA.

01/04/2016 | Vigo

MÁIS SOCIAL é unha iniciativa da Fundación Barrié que ten como obxectivo garantir a sostenibilidade económica do terceiro sector mediante diferentes ferramentas, entre elas MÁIS SOCIAL CONECTA, orientada a mellorar as páxinas web das 24 entidades participantes, para obter unha maior visibilidade e novas funcionalidades, o que abre posibilidades en canto a colaboracións, donativos, dinamización de actividades, achegamento aos colectivos de interese ou un incremento do impacto social. Na primeira presentación participaron o Presidente da Fundación Barrié, Don José María Arias Mosquera, o director de EDISA, empresa encargada do desenvolvemento técnico do proxecto, Don Carlos Suárez Rei, e en representación das 24 entidades sociais, a nosa Presidenta Dona Carmen Avendaño Otero.

Cabe salientar a mención que se realizou á Fundación Érguete-Integración, e en concreto á nosa compañeira Ana Pascual Hermida, responsable do CÍBER EMPREGO, pola realización dun manual-guía de manexo da ferramenta que será compartido con todas as entidades, o que constitúe un investimento por parte da nosa Fundación ao conxunto do proxecto.

Así mesmo, aproveitouse a ocasión para presentar unha segunda fase do programa, denominada MÁIS SOCIAL CONECTA 2, que servirá para introducir novos elementos de comunicación nas 24 páxinas web, que sirvan para amplificar o seu impacto social.
 

Arquivada en:
Transparencia > Responsabilidade social corporativa