Cookies

Noticias 

© FEI | 10/07/2019 | Cartel da primeira Compra Solidario BIO en Vigo

A primeira Compra Solidaria BIO chega a Vigo da man de ABC de BIO e a Fundación Érguete-Integración

O supermercado ecolóxico ABC de BIO organiza e impulsa o 15 e 18 de xullo unha iniciativa solidaria a favor das persoas beneficiarias do Programa Sísifo

10/07/2019 | Vigo

A vindeira semana, o luns día 15 e o xoves día 18 de xullo, o supermercado ecolóxico ABC de BIO organiza unha recollida solidaria de alimentos. Estes dous días de compras solidarias terán lugar na tenda situada na rúa Padre Don Rúa nº 2 en Vigo e será a primeira Compra Solidaria BIO celebrada na cidade olívica.


O obxectivo desta iniciativa é recoller alimentos que logo serán doados á Fundación Érguete-Integración e destinados ás persoas beneficiarias do Programa Sísifo da entidade; o cal traballa na atención a drogodependentes e outras persoas en risco de exclusión severa.


Dende a tenda ABC de BIO xa veñen colaborando con este Programa dende fai un tempo participando, por exemplo, nas clases de Musicoterapia que dende el se imparten e doando alimentos en ocasións como o concerto que o alumnado do mesmo deu a comezo de ano.


Nesta nova colaboración invitan a todas as persoas que acudan eses dous días a comprar no seu establecemento de Vigo a adquirir algún dos seus produtos e doalo a favor desta causa no espazo que habilitarán para o evento. A maiores, dende o propio establecemento obsequiarase a todas aquelas persoas que decidan colaborar cun vale de 5% de desconto na próxima compra na tenda, pola entrega de cada compra solidaria.


Esta primeira Compra Solidaria BIO en Vigo terá un horario ininterrompido, podendo comprar en ABC de BIO dende as 10:00 ás 20:00 horas. Ademais, as persoas que se acheguen o xoves día 18 pola tarde atoparanse cunha sorpresa moi especial. Arredor das 19:00 horas o alumnado do taller de Musicoterapia, do que naceu o Grupo musical EnCántame, dará un pequeno concerto no supermercado e falarán de todo o que se fai dende a Fundación e o Programa Sísifo a favor das persoas beneficiarias como elas e eles.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > PROGRAMAS > Sísifo