Cookies

Noticias 

© Institucións Penitenciarias | 19/11/2019 | Mesa de autoridades del Acto de Clausura das formacións no C.P. A Lama 2019

Acto de Clausura das accións formativas no C.P. A Lama

A Fundación Érguete-Integración pechou as acción formativas realizadas durante o ano 2019 cun acto de clausura no centro penitenciario

19/11/2019 | A Lama (Pontevedra)

Este luns, 18 de novembro, a Fundación Érguete-Integración deu por finalizadas as formacións que se impulsaron no transcurso do ano 2019 dentro do Centro Penitenciario da Lama, Pontevedra.


Tivo lugar no propio centro un acto de clausura, que deu comezo ás 12:00 horas coa intervención do Director accidental do C.P., Xoan Carlos Xil Ramos. A continuación interveu a Presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño Otero, e posteriormente a Deputada de Centros Educativos da Deputación de Pontevedra, Noemi Outeda Prol; e a Directora da Fundación Barrié, Carmen Arias Romero.


A continuación, a coordinadora do Programa Itínere da Fundación Érguete-Integración, María Rodríguez Lago, foi a encargada de presentar e explicar as acción formativas realizadas durante o ano 2019. O programa Itínere é un programa da carteira de servizos da Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia, desenvolvido por esta entidade social, no que se traballa coas persoas privadas de liberdade, de forma conxunta, para que podan adquirir e completar a súa formación, desenvolvemento e habilidades profesionais apostando pola reeducación e a reinserción social.


Con esta finalidade, conta cun servizo de orientación laboral no que se realiza o itinerario personalizado e individual de inserción dentro do centro (medio pechado) e que continúa unha vez as persoas son excarceradas; o que se complementa con diversas acción e actividades formativas, como as que se clausuraron neste acto. Tras esta intervención, procedeuse á entrega de diplomas das accións formativas.

45 persoas diplomadas neste ano 2019
Diplomáronse un total de 45 alumnas e alumnos dentro das catro accións formativas realizadas:

  • Competencias clave: nesta acción impartiuse clase a 15 persoas, que lograron ter os coñecementos e competencias necesarias para aprobar os exames que certifican as competencias clave nivel 2 en lingua galega, castelá e inglés. Trátase dun paso importante para poder continuar a súa formación e capacitación nun futuro, por exemplo, realizando Certificados de profesionalidade.
  • Proxecto Novos: no que se realizaron diversas iniciativas dirixidas a formar a 10 persoas menores de 25 anos privados de liberdade. Ademais deste certificado, a petición do propio alumnado, a Directora do Refuxio de Animais de Cambados, Olga Costa, entregou un diploma do módulo de terapia canina impartido como parte do programa. Tanto competencias clave como o Proxecto Novos están subvencionados pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
  • Proxecto Capacitadas: formación promovida pola Deputación de Pontevedra, ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades para fomento da igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero 2019, que permitiu a 10 mulleres adquirir as competencias necesarias para certificarse e poder desenvolver as tarefas de Auxiliar de Xeriatría, con formación transversal en xénero e busca de emprego.
  • Proxecto Abeiro: mediante o convenio marco entre Fundación Barrié, Fundación Roviralta, Saúde Mental FEAFES Galicia, Fundación Érguete-Integración e a Secretaría General de Instituciones Penitenciarias, ofreceuse formación a 10 persoas como Auxiliares de Psiquiatría. Esta formación as habilita para levar a cabo as tarefas de internos/as de apoio, unha figura moi importante nos centros penitenciarios.

A este emotivo acto de clausura, no que se recoñece a labor de todas as persoas traballadoras e usuarias pola mellora formativa e da futura reinserción das persoas usuarias, asistiron tamén a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas Arcay; así como persoal da Fundación Érguete-Integración, docentes, colaboradores/as e internos/as.


Para rematar, tanto docentes como algunhas persoas do alumnado quixeron ter unhas palabras de agradecemento mutuo pola oportunidade e a aprendizaxe constante; demostrando deste xeito que o esforzo das administracións, o Terceiro Sector, e as persoas usuarias crea sinerxías que favorecen a todas as partes e que seguro axudarán á futura reinserción sociolaboral das 45 persoas diplomadas.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > PROGRAMAS > Itínere