Cookies

Noticias 

© Anna Politkovskaya | 22/10/2018 | Anna Politkovskaya

Anna Politkovskaya, quizáis a reporteira máis libre de Rusia

New York agosto de 1958 - Moscú octubre de 2006

07/10/2018 | Moscú

Cúmprense 12 anos do asasinato de Anna Politkovskaya, xornalista da revista independente rusa Novaya Gazeta. Politkovskaya segue sendo un exemplo de xornalismo comprometido e independente en Rusia e máis dunha década despois da súa morte, cada vez máis medios aplican a autocensura para evitar temas que poden enfadar ao Kremlin.

Politkovskaya traballou en Novaya Gazeta desde 1999 até a súa morte o 7 de outubro de 2006 -día do aniversario de Vladimir Putin (sic)-. O asasinato da xornalista foi cometido cando preparaba un artigo sobre as torturas sistemáticas en Chechenia, publicado polos seus compañeiros cinco días despois da súa morte.

Morreu nun ascensor, tras recibir 4 tiros. Dous no peito, outro no ombreiro. Polo si ou polo non, un último na cabeza, xa sen vida. Os sicarios chámano o disparo de control.

Arriba, na mesa de traballo, esperábanlle fotos e nomes de persoas secuestradas e torturadas en Chechenia, material para o seu próximo -último, póstumo- artigo de investigación para o seu xornal. De novo un asunto incómodo para o Goberno de Moscova e para o desta convulsa república da Federación Rusa. Nunca pensou en marcharse. "O exilio non é para min. Dese modo, eles gañarían", dixo ao recibir un premio do PEN club a principios de 2005. Tamén sufrira un envelenamento (cando viaxaba a investigar a matanza de Beslán) e múltiples ameazas ao longo da súa carreira. Pero non calaba nada: "O que sei, cóntoo", dicía en casa.

Aquel 7 de outubro nubrado, mentres metían o seu cadáver cuberto cunha saba nun coche, o Kremlin encolleuse de ombreiros e prometeu investigar. O nome de Politkovskaya sumouse á lista de máis de 300 xornalistas mortos ou desaparecidos en Rusia desde 1991.

O seu choque co poder foi frontal. Unha e outra vez. Escribiu un libro titulado A Rusia de Putin: a vida nunha democracia errada, no que criticaba a política do Kremlin durante a segunda guerra chechena e acusaba o servizo secreto ruso FSB de reprimir todas as liberdades civís para establecer unha ditadura ao estilo soviético.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia