Cookies

Noticias 

© dla.cdncimeco.com | 16/10/2019 | Ameenah Gurib-Fakim

Ameenah Gurib-Fakim, impulsando a ciencia en África para loitar contra o cambio climático

Repasamos a vida desta bióloga que chegou a ser a presidenta da República de Mauricio e que en 2017 foi elixida como unha das 100 mulleres máis influentes do mundo

16/10/2019

Nacer muller conleva que durante a túa vida vas sufrir, dunha maneira ou doutra, a desigualdade do sistema patriarcal na túa pel. Se ademais naces en África, esta situación agrávase.


Non obstante, Ameenah Gurib-Fakim conseguiu romper moitas barreiras e teitos de cristal e converter a súa paixón na súa profesión e lograr o recoñecemento internacional.


Naceu o 17 de outubro de 1959 nas illas Mauricio, unhas illas africanas situadas no Océano índico, ao leste de Madagascar. Namorada da natureza e as plantas que a rodeaban, esta será unha das ramas da ciencia que máis lle interesarán. Decide estudar Química, para o cal acudiu á Universidade de Surrey no Reino Unido e en 1987 logrou o doutorado na Universidade de Exeter.

 

Defensora da importancia das plantas contra o cambio climático
Entre as diversas contribucións que realizou destaca a investigación que a levou a catalogar as plantas medicinais do Océano Índico, en especial da súa illa e de Rodrigues para o que tivo que realizar moitas viaxes, analizando as plantas e os usos que se lle daban en diferentes lugares do rural. Incluso chegou a crear o Centro de Investigación de Fitoterapia en Mauricio, cuxo fin é manter e ampliar estas investigacións. Ademais compilou unha base de datos das plantas das illas Mauricio e comezou a súa labor de divulgación da importancia da biodiversidade xa a nivel internacional.


A medida que foi collendo unha maior relevancia no ámbito científico internacional, foi levando esta labor a máis lugar. Así, xunto a outras/os científicas/os creou a Asociación Africana para Estándares de Plantas Medicinais en 2005, co fin de crear o 1º texto recopilatorio sobre plantas medicinais do continente.

Autora de máis de 28 libros científicos e numerosos artigos, Ameenah é unha voz moi respectada e consultada na comunidade científica. Por isto diversos organismos como a ONU ou a Unión Europea requiriron os seus servizos como consultora en temas ambientais.


Sen dubida, un dos grandes momentos da súa vida foi cando a nomearon a primeira presidenta da República de Mauricio (cargo meramente cerimonial), que ostentou entre 2015 e 2018 e que utilizou para dar voz á necesidade de inverter máis en ciencia e tecnoloxía en África, fomentándoa e alertando sobre o cambio climático.


E non foi a única vez que foi unha pioneira, pois tamén foi a primeira profesora muller na Universidade de Mauricio, e tamén a primeira decana da Facultade de Ciencias. Recibiu o galardón L'ORÉAL-UNESCO "A Muller e a Ciencia". É membro da Sociedade Linneana de Londres (Reino Unido) do Instituto Africano de Ciencias (Estados Unidos) e da Academia de Ciencias do Mundo Islámico, con sede en Ammán (Xordania).


Estes son tan só algúns dos logros que conseguiu na súa vida unha muller que polo pronto, conseguiu mellorar as liberdades das que se desfrutan no seu país e que segue a traballar para que se tomen as medidas necesarias para paliar os efectos do cambio climáticos que os países máis vulnerables, como o seu, xa levan tempo notando.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias
Que facemos > Programas | Proxectos | Servizos Actuais > IGUALDADE > Mulleres con historia