Cookies

Noticias 

© FEI | 21/06/2019 | Foto de familia da Fundación Érguete-Integración

20 anos traballando coas persoas. 20 anos de Fundación Érguete-Integración

A entidade celebrou onte o seu XX Aniversario nunha xornada chea de emocións e sorpresas

21/06/2019 | Vigo

Para calquera tipo de organización ou entidade é moi difícil chegar a cumprir 20 anos. Pero se falamos dunha entidade do ámbito social, a cifra é todo un fito. Este ano 2019 a Fundación Érguete-Integración cumpre 20 anos máis forte que nunca e cun futuro que se presenta alentador e longo, esperando poder estar moitos máis anos xunto ás persoas.

 

A Xornada “20 anos traballando coas persoas” conmemorativa do XX Aniversario da Fundación Érguete-Integración celebrada este xoves, 20 de xuño, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) foi inaugurada ás 09:30 horas, como non podía ser doutra forma, pola Presidenta da Fundación Érguete-Integración, Carmen Avendaño; que estivo acompañada do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves.


Durante a mañá tiveron lugar dúas mesas redondas, unha con representantes de entidades sociais invitadas (Asociación Diversidades, IGAXES3, FEAFES-Galicia e COGAMI) e outra con representantes das empresasFrutas Nieves e Freshcut, DACHSER Spain, FCC Medio Ambiente e Vegalsa-Eroski. Nelas falouse da importancia do traballo como mecanismo integrador, das políticas de responsabilidades social corporativa ou dos incentivos á contratación. Tamén houbo dúas ponencias, unha de Jaume Farré Cortadellas, Director do Departamento de Integración Sociolaboral da Fundación “la Caixa” que falou sobre o “O papel das Entidades Sociais coma potenciadoras da inserción laboral” e a segunda; que rematou a mañá con Laura Rosillo de Talento Cooldys e versou de “A xestión da idade. Pondo en valor o talento Sénior na era da lonxevidade”.


A mañá contou cun Coffee Break a cargo dos/as alumnos/as-traballadores/as das especialidades de Operacións Básicas de Cocina e Operacións Básicas de Restaurante-Bar do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita V, patrocinado polo Concello de Vigo e subvencionado pola Xunta de Galicia.  



Homenaxe á loita de Carmen Avendaño ao fronte da entidade
Tal e como se prevía, a tarde foi moi emotiva para todas as persoas que forman parte da gran familia que é a Fundación Érguete-Integración. Tras o taller de poesía no que o escritor, poeta e contacontos Miguel Ángel Alonso Diz fixo recitar ao público; foi a quenda de que persoas usuarias de diversos programas da Fundación Érguete-integración falaran do que supuxo para elas e eles entrar en contacto coas profesionais, ás que dedicaron palabras de agradecemento e agarimo.


Despois Carmen Avendaño Otero, Presidenta da Fundación Érguete-Integración, Juan A. González Pérez, Director ata 2015 da Fundación e Ana María Álvarez Franco, Directora actual da Fundación deron a visión interna destas dúas décadas de historia. De como comezou, dos bos e os malos momentos e do que espera o futuro. Ao final desta mesa Carmen recibiu unha homenaxe e un agasallo de parte da propia entidade e das persoas traballadoras da mesma que quixeron recoñecerlle a súa incrible labor e a súa implicación diaria.


O punto musical o puxo a representación do Grupo EnCántame, saído do taller de Musicoterapia do Programa Sísifo da Fundación, que fixo cantar e dar palmas a todo o público coas súas interpretacións musicais.


E tras a música, chegou o momento da despedida, para a cal contouse coa presencia da Deputada de Igualdade da Deputación Pontevedra Isaura Abelairas e a concelleira de Política Social do Concello de Vigo, Yolanda Aguiar Castro. Ambas destacaron o gran valor destes 20 anos de traballo coas persoas e a figura da presidenta da Fundación Carmen Avendaño. Pechouse así un evento para a lembranza, desexando poder estar e celebrar de novo moitos máis aniversarios.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias